Xornada final de Acuieco

O proxecto Acuicultura Sustentable e Economía Circular (ACUIECO), liderado polo Consello Regulador do Mexillón de Galicia, viviu esta tarde a súa xornada final coa presenza de representantes do sector e dos socios científicos que colaborou connosco desde que Acuieco comezou a súa andaina no mes de decembro de 2019.

Joaquín Garrido, secretario xeral do Consello Regulador, lembrou aos asistentes que Acuieco expúxose co obxectivo de avanzar cara a unha acuicultura máis sustentable buscando unha mellor xestión dos materiais utilizados no cultivo de mexillón en Galicia que se desenvolve no ámbito do espazo mariño das Rías Baixas de Galicia (área pertencente a Rede Natura).

Para levalo a cabo contouse coa contribución da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP. Tamén coa colaboración de socios científicos, inicialmente o Instituto Español de Oceanografía, a través do investigador Jesús Gago Piñeiro, e logo co Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, co investigador José Manuel Fernández Babarro, ambos presentes na xornada xunto a Saleta González Pimentel, responsable da empresa Equilátero que colaborou no desenvolvemento deste proxecto.

Garrido aludiu á crecente percepción entre a sociedade de que os lixos mariños son un dos principais problemas que afectan os mares do mundo e aos espazos costeiros. “No noso caso, somos especialmente sensibles coa necesidade de dispoñer dunhas augas limpas nas que desenvolver o cultivo do noso mexillón e somos os primeiros en dar exemplo e asegurar as mellores prácticas na xestión dos materiais empregados, co obxectivo de minimizar a xeración de lixos mariños. E esta é a razón última de Acuieco”, subliñou.

Esta xornada de reflexión final incluíu a presentación dun vídeo sobre as mulleres bateeiras. Trátase dun documento gráfico elaborado por Jaime Olmedo e Metrópolis que pon o foco sobre un colectivo cunha presenza moi importante no sector que non sempre é tido en conta e que, por tanto, é necesario visibilizar.