A sede de Mexillón de Galicia acolle este xoves, 6 de xullo, a presentación de “Prontuario. Ecología y cultivo de mejillón en Galicia”, unha obra de Uxío Labarta e María José Fernández Reiriz.
A publicación é un compendio de 35 anos de traballos científicos sobre o mexillón, entre os que se atopan os dos seus autores, pero tamén os doutros investigadores que dedicaron esforzos e anhelos a saber máis de todo o que rodea a este cultivo que fixo de Galicia unha potencia mundial. Nas súas páxinas hai espazo para coñecer a súa fisioloxía, o seu crecemento como se nutre, a incidencia das mareas vermellas, o afloramento…
Unha guía cunha linguaxe asequible que permite a todos os públicos un achegamento a este bivalvo en torno ao que se desenvolveu un sector económico de enorme relevancia e que ocupa un lugar destacado na nosa cultura e a nosa identidade.
O acto comeza ás 18,30 e será moderado polo Secretario Xeral do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Joaquín Garrido, e contará coas intervencións do economista Miguel Ríos e da bióloga Diana Zúñiga, directora de North Wind.