A DOP Mexillón de Galicia completa mañán un dos seus proxectos máis ambiciosos destinado a dar a coñecer en Galicia, España e no mundo unha marca, Mexillón de Galicia, que representa de forma inequívoca unha garantía de calidade e orixe para o consumidor.
O Museo do Mar de Galicia, sito en Vigo, acolle ás 19 horas a inauguración da exposición “Mexillón de Galicia”, integrada por cincuenta fotografías e un audiovisual que permitirán ó visitante saber que hai detrás da DOP.
Este proxecto, desenvolvido en colaboración co fotógrafo Xurxo Lobato, tivo unha primeira entrega, un libro presentado no mes de decembro, que supuxo moito máis que unha sucesión de fermosas imaxes. Foi unha carta de presentación para a DOP ante a sociedade e un elemento de autoestima para os operadores do sector.
O libro, as fotografías e o audiovisual constitúen tres formatos diferentes, cada un coas súas propias peculiaridades narrativas, pero teñen unha mesma finalidade: mostrar ó espectador que é Mexillón de Galicia. Como en torno a un produto historicamente ligado a Galicia xurdiu unha industria capaz de xerar prosperidade. Un mérito que corresponde ás persoas, ás mulleres e homes que son os verdadeiros artífices de que Mexillón de Galicia sexa hoxe unha marca recoñecida.
A mostra é un percorrido con diversas estacións, tantas como eslabóns dunha longa cadea que comeza nas rochas, coa recollida de semente, continúa nas bateas, onde o mexillón medrará ata a súa retirada, e finaliza no mercado baixo múltiples presentacións, todas elas altamente saudables como corresponde a un alimento cultivado de xeito totalmente natural.
Vendo as imaxes o espectador poderá igualmente entender como a través dunha actividade se da forma a unha identidade, a unha forma de ser, a das personas que integran a gran familia de Mexillón de Galicia.
A mostra estará en Vigo dous meses e a finais de ano está previsto que se expoña no Aquarium Finisterrae da Coruña.
O acto de inauguración contará coa presencia de Francisco Alcalde, presidente da DOP Mexillón de Galicia, Xurxo Lobato e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura.