Coñecer a contorna na que se cría o mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia, e os valores que o fan único. Ese é o obxectivo da viaxe a Galicia que hoxe iniciaron un grupo de xornalistas de diversos medios nacionais. Esta acción enmárcase no plan de comunicación e promoción que están a desenvolver conxuntamente a DOP Mexillón de Galicia e a DOP Cava e que está financiada con fondos europeos.
Mexillón de Galicia é unha marca de calidade que distingue ao produto máis representativo da despensa mariña galega. Un alimento singular e excelente que ten unha historia que contar ligada ao territorio no que se produce, ás augas nas que se alimenta, aos homes e mulleres que a través de xeracións permitiron xerar un potente sector socioeconómico que vira ao redor deste bivalvo… En suma, os valores que lle fixeron acredor dunha protección especial a través do selo que porta.
Ese relato é o que terán a oportunidade de descubrir estes profesionais durante dous días nos que cumprirán un programa que inclúe unha viaxe en barco pola ría de Arousa para coñecer como se desenvolve a actividade produtiva nas bateas. Ademais, a visita que realizarán a conserveiras, a un centro de depuración e a outro de transformación permitiralles levar unha visión integral da cadea de valor de Mexillón de Galicia.
Como non podía ser doutro xeito, este periplo inclúe catro degustacións, catro oportunidades de coñecer a versatilidade gastronómica de Mexillón de Galicia e o seu riquísimo sabor. Tres delas ao longo da xornada de hoxe. A primeira na conserveira Ramón Peña, unha segunda no restaurante O Eirado da Leña de Pontevedra (unha estrela Michelín), cunha maridaxe con Cava, e a terceira no hotel Pazo Rial de Vilagarcía, tamén acompañado de Cava. Mañá, o colofón será no restaurante Casa Solla de Poio (unha estrela Michelín), igualmente con acompañamento de Cava.
A DOP Mexillón de Galicia e a DOP Cava desenvolven un proxecto conxunto que se prolongará ata 2025 e que ten como finalidade incrementar o coñecemento e recoñecemento de ambas as marcas de calidade diferenciada entre os consumidores e, en consecuencia, o seu valor.