Mexillón de Galicia,
a esencia do Atlántico

Coñece a súa bioloxía, as prácticas de cultivo e a tradición que fan do noso mexillón un alimento único polo seu incomparable sabor e calidade.

Que diferencia ao Mexillón de Galicia do resto?

A especie producida (Mytilus galloprovincialis) que é propia das nosas costas, xunto coa nosa forma de producir en batea que salvagarda a nosa identidade e tradición, e o entorno onde se cultiva, as rías galegas, que están recoñecidas como un dos mares más ricos do mundo, debuxan un alimento único cunhas características organolépticas que o singularizan.

A súa intensa e atractiva cor, o seu inconfundible aroma a mar, o seu saboroso sabor, a firmeza da súa carne… diferencian ao Mexillón de Galicia dos demais e fan del un alimento único e irrepetible.

A bioloxía
do Mexillón
de Galicia

O Mexillón de Galicia é un molusco bivalvo cuxo corpo está protexido por unha cuncha con forma de machada, cun extremo en forma de punta e o outro ancho. Esta cuncha, de cor negra azulada, está formada por dúas valvas iguais de carbonato cálcico, con liñas concéntricas denominadas estrías de crecemento.

Escondida no interior da cuncha, o corpo ou vianda, ten polo xeral un vivo ton alaranxado. Tonalidade que é máis intensa que a dos mexillóns criados en outros mares. Elo débese a que as augas das rías son moi ricas en fitoplancto, que son algas microscópicas das que se alimenta o mexillón.

Mexillón de Galicia
  • Mexillón de Galicia

    Estrutura externa do Mexillón de Galicia

  • Mexillón de Galicia

    Estrutura interna do Mexillón de Galicia

O mexillón aliméntase filtrando o fitoplancto natural, cunha capacidade de ata oito litros de auga por hora

  • A súa reprodución ocorre de forma externa, cando machos e femias liberan os seus gametos ao mar, producíndose a fecundación na auga. O mexillón é móbil nas súas primeiras fases de crecemento e tras pasar unhas semanas nadando e medrando no mar, as larvas finalizan o seu desenvolvemento e buscan un lugar idóneo para a súa fixación, xa que na súa fase adulta é un animal sésil (suxeito ao substrato).

    Para fixarse ás rochas os mexillóns utilizan os filamentos de biso, que son unhas fibras douradas que segregan naturalmente e que se endurecen en contacto co mar. Outra característica do mexillón, é que é un animal gregario, que lle gusta vivir en grupo, xa que desta forma protéxese tanto de predadores como do envite do mar.

  • O Mexillón de Galicia, que medra nas bateas, permanece sempre somerxido no mellor sitio posible para alimentarse en abundancia, crecer e engordar. É por isto que o noso sistema de cultivo garante unhas condicións óptimas para o seu benestar.

Tradición histórica

  • antigüedade

    O mexillón, un gran alimento do mar

    A relación de Galicia co mexillón remóntase ao século VIII a.C., cando as primeiras poboacións costeiras colleitaban mariscos durante a baixamar, como evidencian os “concheiros”, cúmulos de cunchas encontrados no exterior das súas aldeas fortificadas (castros). Co paso do tempo na Gallaecia romana o consumo de mexillón esténdese aos pobos e vilas do interior.

  • século XVIII-XIX

    Consumo nas cortes e primeiras experiencias de cultivo

    Dende as Rías Galegas enviábanse pequenos barrís de mexillóns e ostras somerxidos en “escabeche real” á corte real para ser consumidos pola nobreza durante a Coresma. Don José Cornide Saavedra, rexedor de Santiago de Compostela, destacaba ao mexillón indicando que «a súa carne despois da ostra é a mellor e é de moi bo gusto». O mexillón nestes tempos consumíase guisado, en tortilla, frito, en pasteis e con varios condimentos…

    Nesta época non existía un cultivo formal de mexillón; colleitábase de áreas específicas baixo concesión dalgunhas familias. Cara o século XIX, comezan as primeiras experiencias de cultivo. Como explicaba o naturalista don Paz Graells en 1869, en Carril (Ría de Arousa) os mariscadores transformaron antigos viveiros de ostras en mexilloeiras e alí practicábase un eficaz cultivo de mexillón sobre cabaletes.

  • primera metade século XX

    As primeiras bateas

    Os ensaios para conseguir un cultivo estable de mexillón intensificáronse e en 1932 instalouse o primeiro viveiro flotante de mexillón na ría de Vigo. Lamentablemente por diversos motivos esta experiencia pioneira non tivo continuidade. E houbo que agardar ata os anos 40 para que se iniciase o gran desenvolvemento da mitilicultura galega, grazas ao propietario de «Viveros del Rial», que en 1945 decide intentar o cultivo de mexillón suspendido na ría de Arousa.

    Esta primeira batea estaba deseñada cun único flotador de madeira que sostiña un entramado de madeira onde se colgaban cordas de esparto. Os bos resultados deste prototipo levaron á instalación de 10 bateas no porto de Vilagarcía ao ano seguinte.

    En 1949, inícianse os fondeos na ría de Vigo, e en 1954, expándense a localidades como Cambados, O Grove, Bueu, Redondela e Pobra do Caramiñal. Ao ano seguinte, instálanse bateas na Ría de Sada, e en 1956, na de Muros.

  • mediados século XX

    Expansión do cultivo

    As condicións naturais propicias e o bo facer dos primeiros bateeiros fixo que o cultivo de mexillón en bateas se consolidara nuns poucos anos, converténdose na principal actividade da acuicultura española e pilar económico para moitas familias na costa galega.

    Durante estes anos, innováronse estruturas e métodos de cultivo; os flotadores de madeira cubríronse de cemento para aumentar a seguridade e alargar a súa vida útil, usáronse tirantes de cable metálico para maior estabilidade das bateas e algúns produtores adoptaron vellos cascos de barcos como flotadores…

    As cordas de esparto foron substituídas por cordas de nailon, e incorporáronse materiais como aceiro e poliéster para mellorar a duración, seguridade e o rendemento de cultivo.

  • actualidade

    Popularización e obtención da DOP

    Grazas ao desenvolvemento da mitilicultura galega popularizouse e estendeuse o consumo de mexillón en España e este marisco foi gañando protagonismo nas nosas mesas. Proba diso son as numerosas festas e romarías dedicadas ao mexillón, algunhas con máis de corenta edicións, que demostran o arraigamento que este bivalvo alcanzou na nosa sociedade.

    Hoxe en día, o Mexillón de Galicia conta cun recoñecemento da súa calidade única a través da Denominación de Orixe Protexida (DOP), o que engade valor ao produto e protexe a sostibilidade do sector.

    Esta indicación impulsa inversións en empresas elaboradoras e comercializadores (depuradoras, conserveiras, cocedoiros, elaboradores de pasteurizados,..) así como en empresas auxiliares (estaleiros, carpintería de ribeira) e no sector servizos (finanzas, asesoramento legal).

Rías de Galicia

Rías
de Galicia

Mapa de Galicia

Galicia conta con máis de 2.500 quilómetros de costa, e as súa rías son o ecosistema perfecto para o cultivo do mexillón. Os ventos do norte empurran as augas superficiais (máis temperadas) das rías ata o océano, o que permite a entrada nas rías de frías augas profundas cargadas de nutrientes.

Esas augas fertilizan a nosa costa e permiten o desenvolvemento dunha inxente cantidade de alimento (microalgas) que é o pasto mariño do que se nutre o noso mexillón. As augas de Galicia teñen fama por producir en abundancia saborosos mariscos e peixes.

O cultivo de Mexillón de Galicia realízase nas rías de Vigo-Baiona, Pontevedra, Arousa, Muros-Noia e Ares-Betanzos, zonas clave para a súa produción.

Características das rías onde
se realiza o cultivo de mexillón

  • Ría

    Lonxitude(KM)

    Superficie(KM)

    Volumen(M3)

    Profundidade max.(KM)

    Río

  • Ares-Betanzos

    19

    72

    750

    40

    Eume
    Mandeo

  • Arousa

    26

    230

    4.300

    65

    Ulla
    Umia

  • Muros-Noia

    12

    120

    2.700

    46

    Tambre

  • Pontevedra

    23

    145

    3.240

    40

    Lérez

  • Vigo

    33

    175

    3.100

    42

    Oitavén
    Lagares

Distribución dos polígonos
e bateas de mexillón por ría

  • Ría

    Polígonos
    de mexillón

    Porcentaxe
    de bateas

    Número
    de bateas

  • Ares-Betanzos

    2

    3,10%

    105

  • Arousa

    18

    68,46%

    2.319

  • Muros-Noia

    4

    3,60%

    122

  • Pontevedra

    7

    10,13%

    343

  • Vigo-Baiona

    13

    14,70%

    498

  • TOTAL

    44

    100%

    3.387

Técnicas
de cultivo

a batea

O cultivo tradicional do Mexillón de Galicia realízase na batea, que é un viveiro constituído por un sistema de flotación sobre o que se asenta un entramado de madeira de forma rectangular, do cal penden as cordas de mexillón.

A batea é un dos símbolos de Galicia e das nosas rías, un elemento característico da nosa paisaxe mariña e un sistema de cultivo único perfectamente adaptado ás rías.

Mediante a tradicional batea os produtores galegos son capaces de aproveitar da maneira más efectiva, desde o punto de vista socioeconómico e ambiental, as capacidades produtivas naturais do mar de Galicia, logrando converter a nosa rexión no líder europeo de produción de mexillón.

  • Batea Mejillón de Galicia
  • Batea Mejillón de Galicia
  • Batea Mejillón de Galicia
  • Batea Mejillón de Galicia

Diferentes prototipos de batea usados ó longo do tempo.

O cultivo do Mexillón de Galicia, unha forma de artesanía natural para producir un alimento de calidade.

Un cultivo extensivo totalmente natural e sostible que non incorpora pensos, fármacos, nin ningún aporte artificial. Os bateeiros aproveitan a riqueza de nutrientes das Rías Galegas en harmonía co entorno, producindo a mellor proteína animal coa menor pegada de carbono e ambiental.

É unha actividade economicamente viable e socialmente equitativa, pois reparte a riqueza xerada entre unha ampla base social, familias e empresas cun forte arraigamento co territorio que mantén viva a tradición dun cultivo que pasa de avós a pais e destes a fillos.

As etapas do cultivo:

O cultivo do mexillón é un proceso circular que se inicia nas bateas cando os mexillóns liberan os seus gametos ao mar; continúa unhas semanas despois no litoral rochoso ou nas cordas colectoras onde esas pequenas larvas encontran un ambiente perfecto para a súa fixación e prosegue pasado un tempo cando os produtores recollen a mexilla para encordala na batea onde o mexillón crecerá, madurará e desovará, garantindo así a continuidade do cultivo antes de alcanzar un estado óptimo para a súa colleita.

  • Obtención da cría (mexilla)

    Entre os meses de decembro e abril os bateeiros diríxense ás rochas máis expostas do litoral a coller a cría ou mexilla, pequenos mexillóns que recollen empregando para elo as rasquetas.

    A recolección de cría tamén se realiza, xeralmente entre os meses de abril e setembro, mediante cordas colectoras que están deseñadas para facilitar a fixación das larvas de mexillón na propia batea.

  • Encordado

    A mexilla de apenas un ou dous centímetros de lonxitude trasládase á batea ou ao barco, onde os produtores confeccionan a man as “cordas de mexilla”. Para elo, a cría envólvese sobre as cordas cunha fina rede biodegradable que a manterá unida á corda o tempo suficiente para permitirlle segregar o biso e fixarse.

    Tralo encordado, as cordas amárranse ás bateas e o mexillón permanecerá na auga durante os seguintes meses, mentres crece e engorda.

  • Desdobre

    Pasados entre 4 e 6 meses no mar, o mexillón multiplica o seu peso e a súa talla, polo que os bateeiros deben izar as cordas para proceder ao seu desdobre. Isto implica separar das cordas os mexillóns que agora teñen unha lonxitude duns 5 Cm, e redistribuílos en novas cordas con menor densidade para facilitar o seu crecemento e evitar que se desprendan das cordas.

    De cada “corda de mexilla” confecciónanse entre dúas e tres cordas de desdobre, que novamente se colgan na batea para que o mexillón siga o seu crecemento e engorde.

  • Colleita e selección

    Aproximadamente un ano despois do desdobre, o mexillón alcanza a súa talla comercial e realízase a colleita. Os bateeiros izan as cordas con axuda da grúa do barco e deposítano na cuberta. Se o mexillón se vai destinar para o seu consumo en fresco, límpase con auga de mar, selecciónase e clasifícase por tamaño para o seu traslado aos centros de depuración / expedición. Se o seu destino é o mercado de elaborados ou conservas, trasládase a granel no barco ao porto de descarga, para o seu posterior transporte aos centros de elaboración.

    En todos os casos, antes do seu traslado ás empresas que o elaborarán e comercializarán, o persoal do Consello Regulador realiza o control de calidade do mexillón nos portos de descarga.