A campaña de comunicación da DOP Mexillón de Galicia presentada onte en Vigo, con Iago Aspas como protagonista, tivo un amplo reflexo nos principais medios informativos, tanto de ámbito nacional, autonómico como local.
Xornais como Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El Español e Atlántico Diario ou publicacións sectoriais como Ipac Acuicultura dedican unha extensa cobertura nas súas edicións de papel e dixital.
As axencias Efe e Europa Press, emisoras de radio como a SER, Onda Cero, Cope, Radio Nacional, Radio Galega e cadeas como TVE e TVG tamén ocuparon espazos relevantes nas súas respectivas programacións para dar conta desta iniciativa que se desenvolve no marco do convenio de colaboración da DOP Mexillón de Galicia coa Consellería do Mar e financiada con fondos europeos.
Co lema “Se é galego, salta á vista”, a campaña pretende establecer un vínculo entre o selo da DOP e un territorio emocional, Galicia, que tamén é singular e único polo seu acento, así como pola orixe e a autenticidade da súa despensa. Esas señas diferenciais teñen a súa plasmación en alimentos tan ligados a Galicia como os mexillóns e a súa síntese nun selo, o da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.
O acento, a retranca son dous signos de identidade moi ligados a Galicia que son postos ao servizo deste proxecto que ten a Iago Aspas como protagonista, convertido para a ocasión no “Príncipe das bateas”.