Os futuros profesionais da cociña que se forman na Escola de Hostalería Carlos Oroza de Pontevedra deron hoxe un paso máis na súa longa aprendizaxe para coñecer as particularidades dos mellores alimentos da despensa de Galicia, e máis en concreto dos que proveñen do mar.
Foi no curso dunha xornada informativa que forma parte do proxecto “Promoción e difusión dos produtos do mar nos centros de formación de hostalería de Galicia”, organizado pola Consellería do Mar.
Como non podía ser doutra maneira, nesa cita estivo a DOP Mexillón de Galicia. Gabriela André, responsable de Promoción e Márketing, foi a encargada de explicar aos estudantes as razóns que converten ao mexillón amparado polo selo de calidade Mexillón de Galicia no mellor do mundo.
A riqueza das augas nas que se cría este bivalvo, os rigorosos controis de calidade que se seguen desde a súa extracción nas rochas como cría ata a súa descarga no porto como exemplar adulto, o carácter natural e totalmente sustentable da súa produción, así como unhas cualidades de sabor e alimenticias de primeira orde. Todo isto, unido ao saber facer de homes e mulleres que se dedican á súa produción, contribúe a que Mexillón de Galicia ofreza unha calidade superior a outros mexillóns do mercado.
André advertiu aos alumnos como o prestixio que outorga a nosa marca trata de ser aproveitado por outros no seu beneficio, creando confusión acerca da orixe e a calidade do mexillón. “Para evitar que nos dean unha copia en lugar do orixinal, o único que hai que facer é fixarse que no selo de Mexillón de Galicia. Se o mexillón, en calquera dos formatos que se comercializa, leva ese distintivo, saberemos con toda seguridade que estamos a adquirir o mellor mexillón do mercado”, subliñou a responsable de Promoción e Márketing.
O vindeiro venres desenvolverase unha xornada similar no CIFP Compostela. E alí tamén estará Mexillón de Galicia.
O proxecto “Promoción e difusión dos produtos do mar nos centros de formación de hostalería de Galicia” continuará ata o mes de maio por distintos centros diseminados por toda Galicia. Ademais das sesións informativas, haberá actividades prácticas dirixidas por recoñecidos cociñeiros galegos.
Este programa está destinado á promoción e difusión dos produtos do mar no ámbito da hostalería, onde a formación continuada, o dominio respectuoso dos recursos gastronómicos de proximidade e unha oferta de calidade diferenciada son claves para o éxito dos seus futuros modelos de negocio.
Hai que ter en conta tamén que a hostalería é un escaparate da gastronomía galega e dos sectores primarios implicados, ademais de ter capacidade para influír sobre o consumo dos produtos de pesca locais.