Tras un extenso traballo de máis dun ano, o Consello Consultivo de Acuicultura (CCA), órgano de consulta da Comisión Europea e dos Estados membros da UE, acaba de publicar as Recomendacións sobre os servizos ecosistémicos prestados pola acuicultura de bivalvos e pola piscicultura extensiva e semiintensiva en estanques e estuarios.
O documento foi elaborado por Ángeles Longa, responsable de I+D do Consello Regulador, que desenvolveu as cuestións relativas á acuicultura de moluscos, e o romanés Catalin Platon de ROMFISH, centrado na piscicultura extensiva e semiintensiva en estanques e estuarios. Nel resáltase a importancia da conquilicultura na UE, conxunto de actividades tradicionais subministradoras de alimentos saudables de calidade cun forte vínculo medioambiental que contribúen significativamente ao benestar socio-económico das comunidades costeiras onde se desenvolven.
Con estas recomendacións búscase o recoñecemento por parte das autoridades dos cultivos de bivalvos como prácticas de acuicultura natural que modulan o ambiente onde se desenvolven e que reportan á sociedade servizos ecosistémicos positivos (incremento da biodiversidade, secuestro de carbono, loita contra a eutrofización costeira, xeración de paisaxes únicas…).
Tamén se propoñen medidas que deberían incluírse nos Plans Nacionais de Acuicultura e recomendacións para a Comisión Europea. O obxectivo é promover, protexer e valorar aos cultivos de moluscos e ás persoas que os desenvolven. Entre as medidas inclúese: a protección das augas de cría de moluscos, o estudo dos seus servizos ecosistémicos, a promoción do consumo destes mariscos entre rapaces e mozos…
O documento, que xa foi remitido á Comisión e aos estados, está dispoñible na web do CCA e en breve será traducido ao castelán.