Os alumnos do Carlos Oroza servirán un menú completo elaborado con Mexillón de Galicia

Os alumnos da Escola de Hostalería Carlos Oroza elaborarán mañá un menú completo no que o ingrediente fundamental será Mexillón de Galicia.

Trátase da segunda actividade incluída no programa de colaboración denominado “Mexillón de Galicia, un mar de posibilidades” que desenvolven a DOP Mexillón de Galicia e o centro educativo pontevedrés durante os meses de novembro e decembro. A finalidade desta iniciativa é proporcionar aos futuros profesionais da hostalería información sobre Mexillón de Galicia desde o punto de vista nutricional, pero tamén como ingrediente capaz de ofrecer unha enorme versatilidade na cociña. De feito, os alumnos participantes neste proxecto tiveron que realizar un exhaustivo estudo do alimento que incluía un plan de empresa para a súa promoción. Por suposto, tamén se quere animar ao consumo deste bivalvo ante a proximidade das datas do Nadal, un período no que Mexillón de Galicia atópase nun momento óptimo.

A proposta gastronómica de mañá intégrana “Croquetas de Mexillón de Galicia con pasta kataifi”, “Ceviche de Mexillón de Galicia”, “Mexillón de Galicia thai” e “Cunca da ría e da horta galega”, de primeiro. Logo virá “Crema de Mexillón de Galicia con coca crocante” e “Trisotto ría e monte”. Unha sobremesa de froitas de inverno e xeado poñerá fin á comida, que servirase no restaurante Álvaro Cunqueiro do centro entre as 14 e as 16,30 horas.

Esta actividade conxunta incluíu un primeiro show-cooking, celebrado o pasado venres, e finalizará con outro que se desenvolverá o 14 de decembro.