A DOP Mexillón de Galicia conta cun novo Regulamento, tras a súa aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia do luns, 8 de abril.
O documento, no que se establecen as normas de funcionamento da DOP e do Consello Regulador que o xestiona, reforza a posición de Mexillón de Galicia porque, entre outras cousas, referenda as teses defendidas pola DOP en aspectos tan importantes como os que afectan o ámbito de protección de Mexillón de Galicia ou á identificación de produto.
Sobre o primeiro, recoñécese que os produtos transformados tamén poden ser amparados polo noso selo de calidade, en consonancia coa normativa europea e as sentenzas xudiciais que nos deron a razón a ese respecto. Trátase dun apartado moi importante, na medida que proporciona seguridade xurídica a todos os inscritos e á propia DOP.
Ademais, Mexillón de Galicia estará protexido contra calquera tipo de indicación falsa ou falaz en canto á procedencia, orixe, natureza ou características esenciais dos produtos que se empreguen. Tamén contra calquera uso indebido, imitación ou evocación, mesmo se se indica a verdadeira orixe dos produtos ou servizos ou se o nome protexido acompáñase de expresións como “estilo”, “tipo”, método”, “producido en”, ou termos similares, mesmo cando eses produtos úsense como ingredientes.
O Regulamento vai máis aló ao sinalar no seu artigo 5 que a protección outorgada á DOP esténdese ao uso do nome e da área xeográfica de produción, as rías galegas, así como das comarcas, concellos e parroquias que integran a zona de elaboración.
Sobre a identificación de produto, o artigo 25 di expresamente que “a etiqueta da denominación de orixe protexida deberá figurar obrigatoriamente e de forma destacada nos envases ou etiqueta comercial dos produtos conforme a cada operador, ademais dos códigos de control que garantan a rastrexabilidade do produto”.
Así mesmo, o novo Regulamento recoñece a transcendencia para Mexillón de Galicia do volume de operacións realizadas nos últimos anos polos operadores e no ámbito dos produtos transformados, outorgando unha maior representación a estas empresas no Pleno, o órgano máximo de decisión do Consello Regulador. Na mesma liña, revalídanse os rexistros de inscritos e o Directorio de marcas de comercialización.
O borrador inicial deste documento foi sometido a múltiples cambios no seo do Pleno do Consello, atendendo as indicacións da Consellería do Mar. A pesar de todo, no documento constátase a supresión dunha Disposición Adicional relativa á regularización de operadores.
Resulta sorprendente tal supresión porque desde o inicio deste proceso esa disposición estaba incorporada co amparo da propia Consellería do Mar. E en ningún momento o Pleno foi consultado ao respecto. Por iso o tema está a ser estudado polos nosos asesores xurídicos. Ademais, o presidente do Consello Regulador, Francisco Alcalde, solicitou onte mesmo unha reunión urxente á conselleira do Mar para tratar este tema substancial.
O novo Regulamento reforza á DOP
09/04/2019