Axudar ás empresas para que vendan os seus produtos certificados co selo de calidade da DOP Mexillón de Galicia dentro e fóra das nosas fronteiras. Con esa vocación naceu o I Salón Mexillón de Galicia que se celebrou esta mañá no Hostal dos Reis Católicos de Santiago. “Non hai nada máis galego que un mexillón, un alimento moi consumido pero non suficientemente recoñecido, por iso desde o Consello Regulador estamos a implementar unha ambiciosa campaña de promoción que permita incrementar o coñecemento e recoñecemento que xa ten a nosa marca de calidade”, sinalou Mané Calvo, presidente do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia.
A cita desta mañá serviu para que as empresas presentasen os seus produtos ante un público profesional con capacidade para converterse en futuros prescritores da súa oferta, permitindo de paso ir tecendo un armazón cada vez máis amplo con capacidade para irradiar a imaxe de Mexillón de Galicia.
Calvo agradeceu ás empresas participantes a súa presenza no Salón, ao que seguirán novas accións nos próximos meses. Tamén lembrou o compromiso do Consello Regulador “que sempre actuou, e seguirao facendo, como un sólido punto de apoio para as empresas certificadas, poñendo á súa disposición os nosos recursos”.
Pola súa banda, Antonio Basanta Fernández, Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación tecnolóxica, destacou os valores intrínsecos do mexillón, derivados da súa baixa pegada ambiental e da súa enorme importancia socioeconómica para Galicia. Lembrou que desde a nosa comunidade véndense produtos do mar a 120 países de todo o mundo. “Por iso”, dixo, “o mercado é clave. Ademais de saber producir, hai que saber vender e citas como esta axudan nesa tarefa e reforzan a unión que debe haber entre os distintos elos da cadea que redundará nunha maior xeración de valor engadido”.
Angulas Aguinaga, Conservas Antonio Alonso, Conservas Areoso, Calvo Conservas, Conservas Dardo, Conservera Gallega, Conservas Portomar, Peperetes, Konkuller Fusión, Luis Escurís Batalla, Mares de Galicia, Pescadona e Real Conservera Española foron as empresas presentes no Salón.
O “I Salón Mexillón de Galicia” impulsa ás empresas certificadas pola DOP
04/07/2022