O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.) conmemorou por todo o alto o Día do Mexillón de Galicia. Unha celebración que nace hoxe e que se confirma como a ocasión ideal para reivindicar a historia e proxección deste buque insignia da nosa gastronomía, do ouro negro das rías galegas e, moi importante, co M, de mar, de miticultura, de medio ambiente…
Non quixeron perderse esta primeira cita co Día do Mexillón de Galicia os representantes deste sector económico e profesional fundamental na nosa comunidade, así como distintas autoridades encabezadas polo presidente do Consello Regulador, Mané Calvo; quen estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde; a tenente de alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tania García; e a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, entre outras. Coñecer o pasado axuda a entender o presente e decidir o futuro. Unha mensaxe que quedou patente coa presenza de anteriores presidentes do Consello Regulador nesta data tan especial.
Un día para sacar peito e presumir non so de ser o primeiro produto do mar en Europa en conseguir a Denominación de Orixe Protexida, hai hoxe 18 anos, senón tamén o seguir sendo o único a nivel nacional. O seu presidente, Mané Calvo, destacou “a produción sostible do Mexillón de Galicia, o seu valor nutritivo” e lembrou “o esforzo diario do sector económico que temos detrás”. Así tivo un recordo moi especial para os seus predecesores á fronte do Consello Regulador: Olimpio Castelo, José Figueira, Ramón Ríos, Francisco Alcalde e Lina Solla. Tras agradecerlles o seu labor, Mané Calvo asegurou: “tocoume recoller o testigo. Espero estar á altura”. Non faltaron no seu discurso guiños á Consellería do Mar: “Galicia sabe a mar. Claro que si, ao igual que o Mexillón de Galicia sabe a mar, é nutritivo e delicioso”; e ao Concello de Vilagarcía de Arousa, recordando que “a nosa historia xa apuntaba a que a sede do Consello tiña que estar aquí, onde se realizaron as primeiras prácticas de acuicultura do Mexillón en España”.
Pola súa banda, Marta Villaverde puxo en valor o traballo realizado polo Consello Regulador, que nos permite “presumir dun alimento do mar caracterizado sobre todo polo seu cultivo natural, tradicional e sostible nas nosas rías galegas, que ademais é un dos produtos máis valorados polo consumidor”. Así mesmo, destacou a consecución da acreditación da ENAC, “unha ferramenta de carácter internacional e que respalda o labor dunha entidade que gaña credibilidade” diante do consumidor internacional. A conselleira rematou a súa intervención facendo un chamamento ao sector de cara ao futuro: “aspiramos a que o Mexillón de Galicia aumente a súa presenza nos mercados nacional e internacional. De nós depende conseguilo e debemos traballar todos xuntos na mesma dirección. Hoxe celebramos o Día do Mexillón de Galicia e os bos resultados, pero vemos retos de futuro e todo pasa pola unidade do sector”.
Finalmente, a tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García, destacou que o Mexillón de Galicia é “un símbolo de identidade colectiva, un motor económico e tamén un sustento directo e indirecto de milleiros de familias”. Sobre a celebración de hoxe, desexou que serva “para unificar, xuntos e xuntas, a importancia de protexer aquilo que nos dá a vida, como son o noso mar e a nosa ría. O mexillón da Ría de Arousa é un emblema, un compromiso co mar e co territorio”.
O acto central estivo protagonizado pola nutricionista galega Lidia Folgar, quen explicou que “os Mexillóns de Galicia son unha proteína local, asequible, con baixa pegada ecolóxica e de alta calidade nutricional que debería gañar espazo nos nosos menús”. Así reclamou ás autoridades presentes: “incorporar Mexillón de Galicia en comedores escolares, hospitais e residencias é unha forma práctica de mellorar a densidade nutricional sen disparar costes”. Ademais de apoiar a economía local e rexional, Lidia Folgar destacou que é un alimento saudable porque “o mexillón achega proteínas, ferro de boa asimilación e vitamina B12 nun formato sostible: alimento saudable e compromiso medioambiental á vez”. Tanto é así que engadiu que “os mexillóns poden ser aliados na prevención de carencias nutricionais en etapas da vida como aos 6-12 meses, na adolescencia ou no embarazo”.
Tras o apartado nutricional tomou a batuta a chef, instagramer e concursante de Masterchef 9, a galega Ofelia Hentschel, quen amosou as súas grandes dotes culinarias e comunicativas a través dun pequeno showcooking co Mexillón de Galicia como protagonista. “Ao final, en Galicia sabemos que os produtos falan por si sos. E o mexillón brila con luz propia”, apuntou Hentschel, quen destacou que “os bos produtos galegos non precisan disfraces, so un toque que lels dea aínda máis vida”. É máis, estamos ante un “produto que fala das nosas rías, da nosa tradición e de como coidamos o que temos en Galicia”. Neste sentido, sinalou que para ela “traballar con Mexillón de Galicia é un luxo, porque é sinónimo de calidade e de identidade”.
Co Mexillón de Galicia como protagonista e fío condutor deste día, Adrián Díaz describiuno como “un produto que reflexa moi ben a forma de ser dos galegos e das galegas. Desde a súa orixe humilde expandeuse polo mundo, adaptándose e triunfando alí onde chegou. Un produto que nos fai sentir orgullosos de ser galegos”.