A entrada en vigor o vindeiro 13 de decembro dunha nova normativa de etiquetaxe que exime ás conservas mariñas de informar sobre a especie e a orixe dos ingredientes, está mobilizando o tecido socioeconómico da costa. Asociacións de mexilloeiros, confrarías e diversas entidades sociais promoven máis dunha trintena de mocións nos plenos municipais para reclamar o apoio á proposta do Consello Regulador do Mexillón de Galicia de solicitar en Europa unha etiquetaxe do mexillón clara e veraz.
Na tarde do luns 24 de novembro o pleno de Vilanova de Arousa vai debater unha moción na que se solicita o apoio do Concello á campaña por unha etiquetaxe do mexillón transformado e en conserva que indique a especie e o país de orixe do produto. Asemade, a moción solicítalle ao pleno que inste ao Parlamento de Galicia a intermediar ante a Comisión Europea e a Xunta de Galicia co obxectivo de que se modifique a lexislación europea ao respecto.
A mesma moción xa foi debatida nos concellos de Rianxo e da Illa de Arousa nas últimas semanas, e está previsto que sexa discutida nos concellos da Pobra do Caramiñal e de Poio o martes 25 de novembro; na Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte, o xoves 27; e no Concello de Vilagarcía o 1 de decembro. Nesta última localidade, está previsto ademais que tomen a palabra os propoñentes da moción.
O debate sobre a etiquetaxe dos produtos mariños continuará nas vindeiras semanas nos concellos de Carnota, Muros, Noia, Outes, Boiro, Ribeira, Cambados, O Grove, Meaño, Bueu, Pontevedra, Sanxenxo, Marín, Cangas, Moaña e Vilaboa, ata completar máis dunha trintena de localidades.
As asociacións de mexilloeiros e de mariscadores consideran que dispoñer dun etiquetado completo e veraz é unha forma activa de protexer o emprego e os produtos do Mar de Galicia, diferenciándoos claramente dos produtos foráneos. Asemade, a campaña tamén recoñece o dereito dos consumidores a obter información clara sobre os produtos alimentarios que adquire.
A etiquetaxe das conservas ten un impacto directo na industria do mexillón cultivado e transformado en Galicia, xa que son habituais os usos irregulares e fraudulentos da mención da orixe galega. Así, o sector vese gravemente afectado pola invasión de conservas anónimas de terceiros países, que ocultan información ao consumidor e tentan aproveitarse, por omisión ou confusión, do prestixio e da notoriedade dos produtos do mar de Galicia en conserva ou transformados.
Apoios á propuesta do Consello Regulador
Como consecuencia da recente reforma da Política Común de Pesca, a partir do 13 de decembro do 2014, os produtos de mexillón en conserva procedentes de terceiros países deixarán de estar obrigados a indicar na etiquetaxe o nome da especie envasada e a súa orixe. Con todo, existe unha posibilidade de modificar esta normativa, xa que a Comisión Europea presentará tamén en decembro un informe sobre a lexislación de información alimentaria, no que se poden propoñer cambios.O informe afecta a aqueles produtos onde o ingrediente principal representa máis do 50% do alimento, como é o caso das conservas de mexillón.
No mes de maio, o Consello Regulador enviou a Bruxelas unha proposta de modificación da normativa para que se tivera en conta no mencionado informe. Asemade, o Consello emprendeu unha campaña para recadar apoios entre as forzas políticas e sociais de Galicia. Así, a demanda foi trasladada á Consellería do Medio Rural e do Mar, sen obter resposta ate o de agora, e aos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia.
Tamén se sumaron á campaña por unha etiquetaxe dos produtos mariños clara e veraz a Asociación Española de Denominacións de Orixe, a Asociación Europea de Produtores de Moluscos (EMPA), a Unión de Consumidores de Galicia, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, e organizacións sindicais (UGT, CCOO, CIG).