O Consello Regulador logra a acreditación da ENAC

Un reforzo definitivo da credibilidade de Mexillón de Galicia ante os consumidores. Esa é a principal consecuencia do proceso que concluíu coa acreditación do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia ante a ENAC (Entidade Nacional de Acreditación).
A ENAC ten como finalidade asegurar ante os consumidores a seguridade e fiabilidade dos produtos e servizos que ofrece o mercado, que van desde a calidade da auga que bebemos, a seguridade dos compoñentes dun vehículo ata a correcta etiquetaxe dos alimentos. Para conseguir esa confianza, eses bens ou servizos son sometidos a diferentes tipos de controis denominados avaliacións de conformidade. A acreditación lograda polo Consello Regulador é unha ferramenta establecida a nivel internacional en máis de 100 países para xerar confianza sobre a correcta execución desas avaliacións de conformidade. Dese modo pódese diferenciar aos organismos que demostraron ter a competencia técnica necesaria para realizala e, que, en consecuencia, ofrecen fiabilidade nos seus resultados, daqueles que non o demostraron.
No caso de Mexillón de Galicia, esta acreditación referenda que todos os procesos desenvolvidos no ámbito da certificación da DOP están perfectamente documentados en diferentes protocolos e instrucións técnicas, conseguindo así unha maior transparencia para os asociados e para o consumidor final, que poden saber en todo momento os pasos a seguir para garantir a certificación que outorga a DOP. É a mellor forma de ratificar ante o consumidor que aquilo que compra é Mexillón de Galicia.
O proceso de acreditación levouse a cabo no marco do convenio que Mexillón de Galicia ten coa Deputación de Pontevedra.