O Consello Regulador do Mexillón de Galicia sométese á avaliación do Estándar de Pesquerías de MSC

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia e Marine Stewardship Council (MSC) anunciaron hoxe que a DOP entra en proceso de avaliación completa por Bureau Veritas do programa MSC para certificar a sustentabilidade da pesquería de Mexillón de Galicia.
No caso de que o Consello finalice a avaliación con éxito, o mexillón Mytilus galloprovincialis cultivado baixo esta denominación de orixe poderá ser comercializado co selo azul MSC, que ofrece aos consumidores unha forma fácil de elixir produtos do mar sustentables, contribuíndo a un futuro cheo de vida nos mares. A avaliación será realizada de forma independente, mediante un proceso participativo baixo os rigorosos principios do estándar ambiental de MSC para a pesca sustentable.

O estándar MSC ten un anexo específico no que ademais dos indicadores habituais que analizan o estado do stock, os impactos ambientais e as medidas de xestión, inclúense indicadores específicos para o cultivo de bivalvos. Entre estes indicadores destacan a análise da traslocación de semente de zonas de cría a cordas e os efectos que estes movementos poidan ter na xenética das poboacións; o potencial enriquecemento con nutrientes que se produza nos fondos mariños e a análise da capacidade de carga que o ecosistema onde se atopan as bateas pode soportar.

O cliente da certificación está composto por un total de 55 empresas: 20 correspondentes ao rexistro de centros de depuración e expedición e 35 correspondentes ao rexistro de centros de transformación, cun total de bateas adscritas á DOP que ascende a 2.090, e cuxo volume de produto con denominación de orixe en 2018 foi de 54 millóns de quilos.

A capacidade produtiva de mexillón amparado pola DOP, cunha tendencia á alza nos últimos anos, fai esperar que este volume siga crecendo de forma significativa en anos próximos. A este feito, hai que sumar tamén un crecemento no número de empresas inscritas nos rexistros da DOP Mexillón de Galicia.

En canto á importancia da mitilicultura (cultivo de mexillón) galega, é importante sinalar que o cultivo de mexillón en bateas nas rías de Galicia é, con diferenza, a máis importante actividade de acuicultura de Galicia e de España. Grazas aos volumes producidos anualmente, ao redor dos 250 millóns de quilos, España é o principal estado da Unión Europea en canto a produción acuícola.

Así pois, en base á tendencia favorable que vén experimentando a DOP e ao actual número de bateas que forman parte da mesma, pódese estimar que o potencial volume de mexillón certificado sustentable baixo o selo MSC poida alcanzar os 160.000.000 kg de mexillón.

No contexto socioeconómico, a actividade de cultivo de mexillón supón unha importante fonte de riqueza e benestar social, xa que os resultados desta actividade económica benefician a diversos sectores sociais. A mitilicultura galega xera nas comarcas produtivas un efecto económico positivo que non se limita unicamente ao sector produtor, xa que, xunto aos produtores e as súas asociacións, as empresas comercializadoras (centros de depuración, industrias de procesado e conserveiras) e os subministradores de insumos constitúense como un conxunto de sectores que integran a agrupación industrial do mexillón, beneficiándose da existencia deste cultivo.

Doutra banda, a actividade de cultivo de mexillón en bateas é desenvolta por máis de 1.900 pequenas e medianas empresas familiares que dan traballo directo a case 4.000 persoas, na súa maioría ocupadas por conta propia. O que supón unha fórmula de economía social fortemente vinculada ao territorio e que redistribúe as rendas que xera entre unha ampla base social.

Por todo iso, nas comarcas costeiras onde se realiza o cultivo do mexillón supón un impulso de dinamismo económico noutras moitas actividades e pequenos negocios que se benefician da súa presenza.

Interese en entrar na certificación MSC
Desde a súa creación en 1994, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia vén profundizando na senda da sustentabilidade deste molusco galego a través de diversas accións.
Para ampliar o sistema de garantías de Mexillón de Galicia, a organización entende que debe de contar coa axuda dunha terceira parte obxectiva que en base a unha avaliación aberta acredite a bondade ambiental do noso cultivo. A través do selo MSC, espera poder trasladar ao consumidor información fidedigna sobre a sustentabilidade do Mexillón de Galicia.

Comentarios de MSC
Laura Rodríguez, responsable de MSC para España e Portugal declarou: “O mexillón galego é unha especie emblemática en España de gran importancia desde o punto de vista da produción e a comercialización. É unha gran noticia que a DOP do Mexillón de Galicia queira unir á súa certificación de orixe e calidade, unha certificación de sustentabilidade. Agradecemos a aposta do Consello Regulador polo programa MSC como ferramenta para demostrar a sustentabilidade das súas operacións e desexámoslles moito éxito no proceso”.

Sobre o certificador
A avaliación será levada a cabo pola entidade independente Bureau Veritas. O equipo avaliará a pesquería segundo os tres principios do estándar ambiental do MSC: a saúde da poboación do mexillón, o impacto da recollida de semente e o cultivo en bateas no ecosistema mariño e a efectividade das medidas de xestión. O proceso de avaliación está aberto a todas as partes interesadas. Se alguén desexa engadir información sobre a pesquería, pode ser involucrado no proceso de avaliación. Para ese efecto, por favor contacte con jacobo.novoa@bureauveritas.com