O futuro do sector do mar en Galicia e de toda a cadea de valor asociada depende dun marco xurídico garantista que ampare a actividade que desenvolve o entramado mar-industria, cuxa relevancia socioeconómica é incuestionable. E nese sentido, as administracións están obrigadas a articular unha lexislación que non provoque incertezas que poidan condicionar a permanencia desas industrias e a viabilidade de toda a cadea de subministración.
Así llo trasladou o secretario xeral do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Joaquín Garrido, aos representantes da Asociación Galega de Depuradores e Comercializadores (AGADE) con quen se reuniu esta mañá na sede do Consello Regulador. Ao mesmo tempo, Garrido expresou o apoio de Mexillón de Galicia ás súas reivindicacións relacionadas co plan especial do porto de Cambados elaborado pola Dirección Xeral de Costas e o Mar e no que se expón a retirada da súa localización actual de tres empresas depuradoras de moluscos, ademais doutros edificios de uso social. O Goberno central considera que a súa localización na zona de dominio público non sería compatible coa Lei de Costas.
Mexillón de Galicia volve posicionarse en favor do sector mar-industria como xa fixo no seu momento durante a tramitación da Lei de Cambio Climático.
Existe un consenso xeneralizado entre os distintos actores potencialmente afectados por este plan sobre o sinsentido que supoñería a desaparición do tecido produtivo ligado ás actividades do sector pesqueiro e acuícola que a día de hoxe aséntase en Tragove para ser substituído exclusivamente por proxectos de restauración ou comerciais, non necesariamente ligados ás actividades propias dun porto pesqueiro. E esta situación é extensible a outros portos pesqueiros de titularidade autonómica.
E analizado o caso concreto da comercialización e transformación do mexillón cultivado en Galicia, ambas partes coincidiron na imperiosa necesidade de que as empresas que teñen como finalidade principal a depuración, cocción ou transformación do mexillón se atopen o máis próximas posible e integradas coas zonas de produción, como vén sucedendo ata o momento actual, e poidan utilizar nos seus procesos produtivos auga de mar captada localmente como a mellor garantía para o mantemento da calidade internacionalmente recoñecida do Mexillón de Galicia e avalada polo seu selo da DOP.
De levarse a cabo finalmente a pretensión de Costas do Estado de retirar toda actividade económica do sector das zonas de dominio público portuario ou costeiro, supoñería na práctica a desaparición dun dos motores económicos de Galicia e, consecuentemente, a perda da ligazón secular dos pobos mariñeiros galegos coas actividades de toda a cadea pesqueira e que foi, é e debe seguir sendo unha dos sinais de identidade da Galicia marítima.
O Consello e AGADE valoran o apoio recibido por todo o espectro político, sindical e social, tanto a nivel local como galego e avogan por que se teña en conta, antes de tomar calquera decisión, que a ocupación do dominio público marítimo-terrestre por parte das empresas do sector ten unha relevancia fundamental pola súa incidencia sobre o futuro desenvolvemento dun sector altamente estratéxico para a economía galega e ao que está intimamente ligado o sector produtor primario, tanto pesqueiro como da acuicultura, especialmente o de produción de mexillón.
O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia reclama ás institucións seguridade xurídica para o sector mar-industria
27/05/2022