O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia xa ostenta a condición de Asociación de Produtores Recoñecida, un logro que é unha consecuencia directa do Regulamento 2014/1143 do Parlamento Europeo e do Consello relativo ás indicacións xeográficas para viños, bebidas espirituosas e produto agrícolas, especialidades tradicionais garantidas e mencións de calidade facultativas para produtos agrícolas.
Unha resolución da Dirección Xeral de Pesca publicada o pasado 24 de febreiro referendaba de maneira oficial ese recoñecemento.
Unha Asociación de Produtores Recoñecida conta cunhas atribucións que lle permiten exercer os seus dereitos actuado como un “contrapeso” fronte á competencia doutras entidades de maior tamaño. Así se establece no articulado do Regulamento, que especifica que os produtores de indicacións xeográficas son principalmente pequenas ou medianas empresas que se enfrontan a outros operadores que interveñen ao longo da cadea alimenticia, o que pode orixinar unha competencia entre os produtores locais e os que actúan a maior escala. “Nese contexto, en interese de todos os afectados, é necesario permitir que unha única agrupación de produtores leve a cabo acciones específicas en nome dos produtores acollidos a unha indicación de calidade diferenciada. A tal fin, debe establecerse a categoría de Agrupación de Produtores Recoñecida”.
Estas figuras dotan así mesmo aos consellos reguladores dunhas ferramentas necesarias para afrontar aqueles procedementos nos que deban facer cumprir os seus dereitos de propiedade intelectual e industrial ante prácticas desleais.
Como agrupación de produtores recoñecida, o Consello Regulador, en representación de todos os produtores, pode emprender accións para garantir a protección da Denominación de Orixe, así como acordar as medidas para mellorar o seu funcionamento no relativo á sostibilidade ambiental, social e económica e adoptar iniciativas dirixidas a aumentar o valor dos produtos amparados.
Desta nova figura podería esperarse que servise tamén para habilitar vías de financiamento ata o momento fóra do alcance do Consello Regulador.
O Consello Regulador, Agrupación de Produtores Recoñecida
04/04/2025