Mexillón de Galicia participará mañá nunha nova experiencia xunto á escola de hostalería Carlos Oroza de Pontevedra. Pero, a diferenza doutras ocasións nas que se fixo de forma conxunta, agora a DOP será coprotagonista dunha actividade consistente na elaboración dun bufé integrado exclusivamente por produtos galegos de calidade vinculada á súa orixe, é dicir, que contan coa garantía de estar certificados por unha Denominación de Orixe ou por unha Indicación Xeográfica Protexida.
Así, ademais dos mellores mexillóns do mundo, representados por Mexillón de Galicia, nas mesas do restaurante Álvaro Cunqueiro do Carlos Oroza dispoñeranse para goce dos comensais suculentas elaboracións con presenza de pementos, carnes, legumes, verduras, patacas, pan, mel ou queixos, todos singularizados polo selo dunha DOP ou dunha IXP. Por suposto, haberá igualmente unha ampla representación de viños.
Como xa ocorreu cos recentes proxectos desenvoltos con Mexillón de Galicia (que tiveron lugar durante os meses de novembro e decembro de 2018 e o pasado martes, día 19, respectivamente) esta actividade forma parte do programa lectivo dos alumnos do centro educativo pontevedrés. Pero neste caso cunha singularidade engadida: os estudantes do ciclo de Dirección de cociña e Dirección de servizo debían utilizar o libro “Estrelas da despensa galega”, da xornalista e escritora Carina Regueiro, como guía e incorporar ao bufé as receitas incluídas nesa publicación, que recibiu recentemente o segundo premio de Xornalismo Álvaro Cunqueiro. Aínda que a maioría inspiraranse no libro, haberá outras elaboracións concibidas polos alumnos.
A foto da información é dunha actividade anterior desenvolvida por Mexillón de Galicia e o Carlos Oroza no mes de novembro de 2018.