Axudar ás empresas para que vendan os seus produtos certificados co selo de calidade da DOP Mexillón de Galicia dentro e fóra das nosas fronteiras. Con esa vocación naceu o Salón Mexillón de Galicia, cuxa segunda edición celebrouse esta tarde no Novotel Madrid Center da capital de España.
Mané Calvo, presidente do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, lembrou na súa apertura a relevancia do mexillón, un alimento inequivocamente ligado a Galicia, próximo, da máxima calidade, controlado de forma moi rigorosa polo Consello Regulador, moi demandado e consumido, pero que aínda non ten o recoñecemento que merece, “por iso desde o Consello Regulador estamos a implementar unha ambiciosa campaña de promoción que permita incrementar o coñecemento e recoñecemento que xa ten a nosa marca de calidade. E na procura deses obxectivos, Madrid era un destino evidente pola relevancia que lle proporciona ao noso salón”, subliñou Calvo.
O presidente agradeceu ás empresas participantes a súa presenza en Madrid e lembrou o compromiso do Consello Regulador “que sempre actuou, e seguirao facendo, como un sólido punto de apoio para as empresas certificadas, poñendo á súa disposición os nosos recursos”.
O acto contou coa presenza de Jose Luís Yzuel, presidente de Hostalería de España, Antonio Galán, presidente da Asociación de Empresarios de restaurantes e cafeterías de Madrid, e José Antonio Aparicio, presidente de Hostalería de Madrid.
Ao longo deste 2022, a DOP Mexillón de Galicia incrementou de forma significativa a súa actividade promocional, en consonancia co mandato aprobado polo Pleno do Consello Regulador. Nesa estratexia inclúense unha serie de accións en distintos ámbitos destinadas a impulsar e reforzar o prestixio do noso selo de calidade. Para lograr ese obxectivo asinouse un convenio coa Consellería do Mar que permitiu realizar unha campaña nas prazas de abastos das principais cidades de Galicia, acceder a soportes de gran penetración como a Televisión de Galicia, así como o desenvolvemento deste salón, concibido para que as empresas consigan unha maior visibilidade dos produtos que integran a súa oferta e que portan o noso selo de calidade, facilitando a súa penetración no mercado e incrementando a súa demanda. Igualmente permite aumentar o coñecemento e recoñecemento de Mexillón de Galicia e, en consecuencia, o seu valor ante os consumidores.
Para a realización deste evento, contamos coa colaboración da revista Hostelería y Restauración.