Mexillón Mobile, o mundo do Mexillón de Galicia a través de gravacións móbiles

Detrás de cada produto hai unha historia, e no caso do Mexillón de Galicia imos contala por medio de vídeos. A campaña ‘Mexillón Mobile’ amosará a través de imaxes gravadas con teléfonos móviles o traballo cotián do cultivo do mexillón. Os propios bateeiros capturarán momentos e procesos para dar a coñecer ao público o contexto sociocultural, económico e paisaxístico no que se obtén o Mexillón de Galicia.

Para desenvolver a campaña ‘Mexillón Mobile’, o Consello Regulador conta coa colaboración dun grupo de produtores, que facilitarán as imaxes capturadas nos seus respectivos móviles.

A iniciativa pretende xerar micro vídeos nos que prima a espontaneidade e a mirada fronte á calidade, xa que as condicións de grabación poden ser adversas, debido ao mal tempo e ao ambiente de humidade e salinidade do traballo no mar, que non sempre favorece o uso deste tipo de dispositivos.

Unha vez ao mes, o Consello Regulador dará a coñecer as últimas gravacións na súa canle de Youtube. Asemade, tamén se aceptarán colaboracións espontáneas de outros axentes vinculados ao mundo do Mexillón de Galicia, que queiran contribuír á campaña coas súas propias gravacións de móvil. O mail para a recepción de vídeos é: comunicacion@mexillondegalicia.org

Un produto único
Con esta iniciativa, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia quere poñer de relevo un dos factores diferenciadores do Mexillón de Galicia con Denominación de Orixe fronte a outros produtos. O molusco galego distínguese polo seu sabor (sabe e arrecende a mar), a súa intensa e atractiva cor (unha tonalidade máis intensa que a de mexillóns doutras orixes) e a súa palatabilidade (unha carne firme). Todas estas características veñen dadas polo medio natural no que se cultiva e pola forma de produción.

O Mexillón de Galicia medra en bateas flotantes fondeadas nas rías galegas, unha zona que foi catalogada pola FAO como unha das máis ricas do planeta en fitoplancton, o principal alimento do Mexillón de Galicia. Así, as augas determinan as execelentes propiedades nutricionais e dietéticas do mexillón.
Por outra parte, o molusco aliméntase de forma totalmente natural e sostible, mediante un cultivo tradicional e respectuoso co medio ambiente, que foi desenvuelto e perfecionado polos produtores galegos a través de varias xeracións.