A atomización do sector mexilloeiro non é nin o principal nin o máis grave problema que sofre na actualidade a industria do mexillón. Así o considera o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, en resposta ás declaracións do Secretario Xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro, durante a comparecencia ante a Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia celebrada o 5 de marzo.
Dende o Consello Regulador, amósanse dispostos a colaborar coa Consellería do Mar na procura de solucións para un sector clave da economía galega.
O Consello Regulador do Mexillón de Galicia ponse á disposición da Consellería do Mar para colaborar no deseño dun plan estratéxico que defina as necesidades e o futuro do sector. A institución, con sede en Vilagarcía, vén analizando nos últimos anos a evolución do sector e coñece de primeira man as medidas que poderían contribuír a revitalizalo. Entre elas, como xa se lle teñen exposto, o Consello considera fundamental o control e a sanción das irregularidades na etiquetaxe e a potenciación real do selo DOP Mexillón de Galicia, mediante unha campaña de educación e comunicación dirixida aos consumidores.
Por outra banda, dende o Consello Regulador lamentan profundamente que con estas novas declaracións de Juan Carlos Maneiro se estea a prexudicar constantemente a imaxe pública do Mexillón de Galicia, unha actitude que sería inaudita en calquera outro sector económico da mesma importancia. O Consello considera desafortunadas as declaracións de Juan Carlos Maneiro, nas que negaba a existencia do sector mexilloeiro, e téndelle a man para analizar conxuntamente a situación e deseñar verdadeiras políticas de defensa dos recursos e sectores primarios de Galicia que se botan en falta.
Finalmente, o Consello Regulador lembra que, a pesares da crise económica xeral, a DOP Mexillón de Galicia non parou de medrar, demostrando a súa eficacia para comunicar ante o consumidor a calidade do produto. Só nos últimos 4 anos máis de 30 empresas de transformación e comercialización se certificaron na DOP, un selo que se está abrindo camiño en países tan difíciles para a conserva de marisco como Estados Unidos.
“Non se debería infravalorar a capacidade do sector bateeiro para autoorganizarse, nin tampouco o valor do selo Mexillón de Galicia”, declarou Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador. “Os mellores cociñeiros do mundo están apostando pola DOP Mexillón de Galicia. É paradóxico que mentres, por exemplo, o cociñeiro José Andrés estea a divulgar as excelencias do Mexillón de Galicia en Estados Unidos, aquí na casa tiremos pedras contra o noso tellado”.