Mexillón de Galicia superou en 2019 todos os seus rexistros anteriores en volume de produto certificado en porto. Ao peche do exercicio, a DOP rozou os 56 millóns de quilos, concretamente a cantidade total exacta foi de 55.886.425 quilos, un 3% superior á alcanzada en 2018. Consolídase así a liña de sólido crecemento vixente durante os últimos anos.
Os datos foron dados a coñecer esta tarde polo presidente do Consello Regulador de Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, nun acto que contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e que serviu ademais para presentar unha aplicación para móbil desenvolvida para Mexillón de Galicia que optimizará o traballo dos operadores adscritos e ofrece información do Intecmar.
Fresco e transformado
Da cifra total referida, o volume de mexillón con DOP destinado ao mercado de fresco alcanzou os 7.354.168 quilos, unha cifra un 19% menor que a de 2018 (9.073.793 quilos). En canto á transformación, o total certificado sitúase en 48.532.257 quilos, fronte aos 44.968.286 do ano precedente (un 8% máis).
Un proceso rigoroso de control
Outro apartado fundamental para Mexillón de Galicia, o referido aos controis (un labor de enorme importancia para garantir a calidade e a orixe cento por cento galego do mexillón que chega ao consumidor), achega díxitos igualmente moi satisfactorios, xa que durante 2019 realizáronse un total de 13. 214, dos que 6.689 foron de DOP.
Este sistema de supervisión establecido por Mexillón de Galicia basea a súa solvencia en que todas as operacións entre produtores e comercializadores son verificadas con independencia e rigorosidade de forma que cada partida de mexillón que se descarga é sometida a un control de calidade. Un traballo que se complementa coas accións realizadas por Bureau Veritas, a empresa de certificación externa encargada de realizar auditorías nas empresas e bateas certificadas pola DOP. Un proceso rigoroso como non podía ser doutra maneira para garantir a calidade e autenticidade que representa o noso selo.
Rexistro de empresas e marcas
O censo de empresas e directorio de marcas que operan co selo de Mexillón de Galicia reflicte igualmente cifras en continuo ascenso ao longo dos últimos exercicios ata alcanzar en 2019 as 103 referencias, entre centros de depuración/expedición (19), centros de transformación (35) e directorio de marcas (49). En 2018 esa relación constaba de 89 rexistros e de 73 en 2017.
Na actualidade, hai 113 marcas autorizadas para comercializar os seus produtos co selo de Mexillón de Galicia e 496 referencias aprobadas de etiquetas/envases.
O incremento constante de adhesións ao noso rexistro explícase pola propia razón de ser da DOP. Mexillón de Galicia achega un valor engadido ligado á calidade superior e á orixe cento por cento galego do produto que certifica. Unha diferenciación en suma á que as empresas non están dispostas a renunciar porque se converte nun activo moi valioso á hora de competir nun mercado integrado por consumidores cada vez máis informados e esixentes que buscan precisamente esa diferenciación. Nese escenario, o noso selo confire unha vantaxe competitiva moi clara ao ofrecer eses valores tan demandados: calidade e orixe.
Rexistro de bateas
A crecente solidez en todos os apartados da DOP constátase igualmente no censo de bateas certificadas para suministrar mexillón co noso selo de calidade. Xa son un total de 2.012, o 62% de todas as que operan en Galicia.
Unha completa app que optimiza o traballo dos operadores adscritos
No curso deste mesmo acto presentouse unha aplicación para móbil desenvolvida para Mexillón de Galicia, cuxa finalidade é establecer unha canle de comunicación directa cos operadores adscritos á DOP. Trátase dunha ferramenta que se caracteriza pola súa gran versatilidade.
Comunicar pedidos, descarga de albarás, acceso a recibos… son algunhas das funcionalidades específicas desta aplicación, segundo explicou Pablo Dorgambide, responsable de Qualigy Solutions. Tamén está adaptada para dar servizo a diferentes perfís de usuario, que no caso que nos ocupa foron categorizados como: organización, asociación de produtores, produtor, comercializador e técnico de control (persoal de control do Consello Regulador).
Xunto a esas capacidades específicas adaptadas a cada un dos usuarios mencionados, a app de Mexillón de Galicia ofrece outros apartados con funcións comúns a todos os perfís, como a posibilidade de recibir noticias (cando o Consello Regulador publique unha noticia na súa web, o usuario recibirá no seu terminal un aviso), notificacións (aviso personalizado de convocatoria de reunión ou outra información de interese enviada polo Consello Regulador), ademais de información relativa ao estado do tempo ou os ciclos de mareas.
A todas esas funcionalidades únese outra de gran relevancia, xa que esta aplicación ofrece a capacidade de coñecer en tempo real o estado das distintas zonas das rías ao permitir ao usuario acceder aos datos que o Intecmar incorpora á súa páxina web relativos á presenza de episodios que poidan impedir ou limitar o traballo dos produtores.
Unión para facer un sector máis forte
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, pechou o acto incidindo na importancia e peso do mexillón, “un sector capaz de mover a economía de Galicia”, e animou aos seus actores a seguir traballando para facelo cada vez máis forte, para o que apelou á unión. Igualmente destacou o seu carácter innovador, como o demostra a app desenvolvida por Mexillón de Galicia.