O Consello Regulador do Mexillón de Galicia está decidido a seguir dando a batalla en Bruxelas para lograr unha etiquetaxe do mexillón máis transparente e veraz. E con tal fin, vai presentar ante a Comisión Europea unha proposta de modificación da regulamentación sobre información alimentaria ao consumidor. Como parte da campaña, o Consello xa emprendeu unha rolda de contactos para buscar o apoio das institucións, dos partidos políticos e das organizacións sindicais e de consumidores de Galicia.
Como consecuencia da recente reforma da Política Común de Pesca, o Parlamento Europeo e o Consello de Ministros da UE decidiron eliminar o artigo 42.2 da proposta da Organización Común de Mercados, así que a partir do 13 de decembro do 2014, os produtos de mexillón en conserva procedentes de terceiros países deixarán de estar obrigados a indicar na etiquetaxe o nome da especie envasada e a súa orixe.
A criterio do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, esta ocultación de información na etiquetaxe favorecerá o engano do consumidor, con prexuízo dos seus dereitos e intereses, ao tempo que compromete a viabilidade de todos os axentes da cadea do mexillón cultivado, transformado e elaborado en Galicia.
Antes do 13 de decembro próximo, a Comisión Europea está obrigada a presentar un informe sobre a necesidade dunha nova lexislación sobre información obrigatoria en aqueles produtos onde o ingrediente principal represente mais do 50% do alimento. O Consello Regulador considera que este é o caso das conservas de mexillón, así que solicitará unha revisión da actual normativa de etiquetado.
Por este motivo, o Consello Regulador presentará a vindeira semana ante a Comisión Europea un documento no que propón unha normativa que estableza a obriga de indicar a orixe do mexillón foráneo en conserva, que actualmente está a inundar o mercado europeo. O obxectivo é sensibilizar á Comisión Europea sobre a situación específica que está a sufrir o Mexillón de Galicia e que estas circunstancias se teñan en conta de cara a modificación normativa.
Ademais de remitir o sinalado informe a Bruxelas, o Consello Regulador emprendeu en Galicia unha rolda de contactos para recadar apoios. Así, o presidente do Consello Regulador, Francisco Alcalde, trasladoulle o documento á Conselleira do Medio Rural e do Mar, así como a todos os candidatos ás eleccións europeas dos partidos políticos con representación no Parlamento Galego: Francisco Millán Mon (PP), Xosé Blanco (PSOE), Ana Miranda (BNG) e Lidia Senra (AGE), solicitándolles a súa adhesión.
Para lograr que a proposta de modificación da etiquetaxe chegue á Comisión Europea cun amplo apoio social, o Consello Regulador tamén quere contar co apoio das organizacións sindicais e das asociacións de consumidores, así como co resto dos produtores europeos, cos que mantén relacións a través da súa participación na Asociación Europea de Produtores de Moluscos (AEPM/EMPA).
Contexto
Dende a entrada en vigor do Acordo de Libre Comercio da UE con Chile, que estableceu no 2007 un arancel cero para as exportacións chilenas, o Consello Regulador detectou unha progresiva substitución do Mexillón de Galicia polo chorito chileno nos enlatados.
Así, mentres que no 2006 se comercializaron nos portos galegos mais de 180 millóns de quilos de mexillón con destino á industria transformadora, no 2012 esa cifra caeu ata os 79 millóns de quilos. Dáse a circunstancia de que os principais importadores de chorito chileno á Unión Europea son empresas galegas que, en moitas ocasións, xogan ao equívoco coa información sobre a orixe do produto, aproveitándose así do prestixio adquirido pola DOP Mexillón de Galicia.
Esta situación, á parte de lesionar os dereitos do consumidor, tal e como ten denunciado en reiteradas ocasións o Consello Regulador, está a debilitar ás industrias conserveiras locais que traballan con mexillón cultivado en Galicia. De non prosperar a modificación da normativa de etiquetaxe, a industria transformadora podería verse abocada a pechar as súas portas, incrementando os niveis de desemprego nas comarcas dependentes do mar.
O exemplo deste impacto negativo témolo noutros países europeos con gran tradición de elaboración de conservas de mexillón, como Dinamarca, onde as importacións de chorito ocasionaron en dez anos o peche do 80% das plantas de procesamento