A DOP Mexillón de Galicia reiniciou a certificación en porto para o mexillón fresco.
Con este paso culmínase un proceso de produción totalmente natural, alleo a calquera achega externa e ligado a uns ciclos que ano tras ano se repiten nas augas das nosas rías e que resultan fundamentais para a obtención do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia.
O bivalvo alcanzou a calidade esixible para ser certificado co noso selo e garantir así que está nun momento óptimo para o seu consumo. Mexillón de Galicia é un alimento único, dunha calidade superior avalada polos rigorosos controis que se realizan ao longo do seu período de cría. E a etiqueta que porta é o distintivo que certifica ese rango e esa autenticidade.
O selo de Mexillón de Galicia avala un alimento cento por cento galego, de extraordinario sabor e cunhas cualidades nutritivas que o converten en imprescindible nunha dieta sa. Ademais, é aconsellable para calquera idade e ofrece unha gran versatilidade na cociña.