Mexillón de Galicia reforzará en Conxemar a súa sólida imaxe de marca

A DOP Mexillón de Galicia volverá estar presente na XIX edición da feira Conxemar que se inicia mañá en Vigo e prolongarase ata o día 5.
As cifras que se manexan nesta cita empresarial de carácter internacional (608 expositores, 43 países presentes e a previsión de superar os 30.000 visitantes de 2016) convértena nun escenario idóneo para que Mexillón de Galicia reforce a súa sólida imaxe de marca e recoñecido prestixio no ámbito da industria do mar. Nese sentido, Conxemar representa unha oportunidade única para mostrar ante un público profesional os motivos que fixeron de Mexillón de Galicia unha marca de referencia no mercado. Un selo que garante a orixe galega do mexillón e unha calidade superior, atributos que achegan un valor engadido ao que o consumidor non quere renunciar.
Durante as tres xornadas desta feira, o persoal da DOP fará fincapé ante os visitantes en todo canto fai que Mexillón de Galicia sexa un alimento único (a súa produción totalmente natural, os controis de calidade aos que está sometido, as súas cualidades nutricionais…). Igualmente incidirase en como identificalo sen posibilidade de erro entre as diferentes ofertas do mercado grazas ao seu inconfundible distintivo.
Así mesmo, no expositor da DOP os profesionais poderán coñecer os diferentes formatos comerciais dos mexillóns amparados polo noso selo de calidade.
Concorrendo a Conxemar preténdese tamén captar novas compañías interesadas en acreditarse para comercializar Mexillón de Galicia. Igualmente, estableceranse contactos con empresas de distribución alimentaria para ofrecerlle a adquisición do noso produto. De aí sairá unha relación que se entregará ás empresas certificadas para que continúen o labor comercial de acordo coas súas estratexias.