Mexillón de Galicia reforza en Conxemar o seu sólido prestixio

A feira Conxemar alcanza en 2018 a súa vixésima edición con cifras históricas en canto a empresas participantes e superficie expositiva. E alí estará un ano máis a DOP Mexillón de Galicia os días 2, 3 e 4 de outubro. Serán un total de 740 empresas pertencentes a 48 países as que se dean cita no recinto feiral de Vigo, que aumentou a súa superficie expositiva nun 20% respecto de 2017, o que permitirá superar os 31.000 visitantes da pasada edición.

Por tanto, Conxemar convértese nunha cita moi relevante para que Mexillón de Galicia reforce a súa sólida imaxe de marca e o seu recoñecido prestixio no ámbito da industria do mar. É unha oportunidade única para mostrar ante un público profesional os motivos que converteron a Mexillón de Galicia nun selo de referencia no mercado que garante a orixe galega do mexillón e unha calidade superior, atributos que achegan un valor engadido ao que o consumidor non quere renunciar e tampouco as empresas que comercializan mexillón co noso distintivo.

Os visitantes que pasen durante estes tres días polo expositor da DOP, que estará situado no estand do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, terán a oportunidade de coñecer as particularidades que fan de Mexillón de Galicia un alimento único (a súa produción totalmente natural, a riqueza en nutrientes das rías galegas, os controis de calidade aos que está sometido). Igualmente informaráselles das súas extraordinarias cualidades nutricionais e de como identificalo sen posibilidade de erro entre as diferentes ofertas do mercado, grazas ao seu inconfundible distintivo. Tamén estarán a disposición dos profesionais os diferentes formatos comerciais dos mexillóns amparados polo noso selo de calidade.

Outra das razóns que aconsellan participar en Conxemar radica na oportunidade que ofrece para captar novas compañías que teñan interese en acreditarse para comercializar Mexillón de Galicia. Igualmente, estableceranse contactos con empresas de distribución alimentaria para ofrecerlle a adquisición do noso produto. De aí sairá unha relación que se entregará ás empresas certificadas para que continúen o labor comercial de acordo coas súas estratexias.