Mexillón de Galicia protagoniza tres degustacións no Salón Gourmets que comeza hoxe

É a feira de alimentación e de bebidas de calidade máis importante de Europa e unha das máis relevantes do mundo. O Salón Gourmets chega á súa 39 edición coa presenza dos produtos máis selectos, innovadores e vangardistas da gastronomía mundial, entre eles Mexillón de Galicia que este ano vai protagonizar tres degustacións entre hoxe, día da inauguración deste evento, e o mércores.

A importancia desta cita queda reflectida nos máis de 100.000 visitantes profesionais que en 2025 pasaron polo recinto madrileño de Ifema.

A actividade promocional da DOP mantén a súa intensidade e nesta ocasión para mostrarse e difundir as calidades do mellor mexillón do mundo entre un público experto que acode a Madrid co obxectivo de coñecer alimentos caracterizados pola súa excelencia.

Esta tarde será a primeira ocasión para desfrutar de Mexillón de Galicia da man do cociñeiro Héctor López, do restaurante España de Lugo, que elaborará “Mexillón de Galicia tigre & Mexillón de Galicia en escabeche” e “Faba verdina con Mexillón de Galicia e Codium”. Mañá martes será a quenda de Alejandro Iglesias, do restaurante Álex Iglesias Gastro de Lalín.

Para o mércores está prevista a terceira acción, no marco da sección “Día da muller na cociña atlántica”, na que conteremos co concurso de Lucía Freitas, cociñeira do restaurante A Tafona de Santiago (unha estrela Michelin).

Ademais das degustacións, no expositor de Mexillón de Galicia mostraranse os distintos formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas co noso selo. Os visitantes poderán coñecer o proceso de cría do mexillón e os rigorosos controis aos que se somete que lle fan merecedor do distintivo de calidade.

Esta cita permitirá establecer contactos cos profesionais da restauración e a hostalería dos que se poden beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas estratexias comerciais.