“Xantar”, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense ata o vindeiro domingo contará coa presenza de Mexillón de Galicia, que protagonizará mañá sábado unha degustación no marco de “Aula mar”, o apartado que este salón dedica aos produtos do mar de Galicia.
A degustación, denominada “Mexillón de Galicia: namórate dun galego”, iniciarase ás 13,30 horas e constará de “Ensalada de Mexillón de Galicia con Grelos de Galicia” e “Canelón de Tenreira Galega rechea de Mexillón de Galicia e San Simón da Costa”. Como prostre ofreceranse “Orellas de entroido de Licor Café de Galicia”. As receitas elaboraraas o cociñeiro José Manuel Mallón.
O elemento diferenciador desta xornada radica no feito de que o mexillón e os demais produtos empregados como ingredientes na elaboración das distintas presentacións gozan da garantía de máxima calidade e orixe ao estaren amparados polas distintas Indicacións Xeográficas de Calidade (DOPs e IXPs).
As explicacións de Mallón durante o proceso de preparación complementaranse coas achegas de Gabriela André, responsable de Promoción e Marketing da DOP, que explicará aos asistentes as cualidades que converten a Mexillón de Galicia nun alimento extraordinario, tanto polo seu riquísimo sabor como polos seus sobresaíntes valores nutricionais.
Esta degustación realízase coa colaboración da Consellería do Mar.
A foto corresponde á edición do ano pasado.
Mexillón de Galicia protagoniza mañá unha degustación no salón de turismo “Xantar” que se celebra en Ourense
07/02/2020