Mexillón de Galicia, protagonista nas degustacións do Salón Gourmets

“Bao de Mexillón de Galicia tigre” e “Mexillón de Galicia en bechamel de queixo Savel”, foi a proposta elaborada polo cociñeiro Diego Domínguez para a degustación protagonizada por Mexillón de Galicia esta mañá no marco do Salón Gourmets que se celebra en Madrid.
Mañá haberá unha nova oportunidade de gozar do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia, da man do cociñeiro Miguel Fernández.
Un ano máis, a DOP está presente nun dos escenarios máis importantes da gastronomía mundial, onde se dan cita os alimentos e bebidas caracterizados pola súa excelencia. Segue así coa actividade promocional que está a desenvolver co obxectivo de incrementar o coñecemento e recoñecemento do seu selo de calidade, nesta ocasión nun escenario do máximo nivel.
Ademais das degustacións, Mexillón de Galicia conta cun expositor propio, onde se mostran os diferentes formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas. Os visitantes tamén terán oportunidade de coñecer o proceso de cría do mexillón e os controis que lle fan merecedor do distintivo de calidade.
O Salón Gourmets facilitará establecer contactos cos profesionais da restauración e a hostalería dos que se poden beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas estratexias comerciais.