Mexillón de Galicia, protagonista na Televisión de Galicia

A DOP Mexillón de Galicia continúa a súa campaña de promoción destinada a impulsar o coñecemento e recoñecemento do noso selo de calidade, recorrendo nesta ocasión a un soporte de gran penetración entre o público como é a televisión, concretamente ao programa Estache Bo! da Televisión de Galicia.
Hoxe luns, día 3 de outubro, é a primeira entrega dunha serie de programas nos que Mexillón de Galicia será o protagonista da man do cociñeiro Iván Mariñas, que elaborará unha receita con mexillón DOP. Ademais de explicar os pasos e ingredientes necesarios, tamén falará das cualidades alimenticias e nutricionais de Mexillón de Galicia.
Esta nova acción promocional compleméntase coas que se iniciaron nas prazas de abastos das principais cidades de Galicia e enmárcase no convenio asinado por Mexillón de Galicia e a Consellería do Mar a principio deste ano para desenvolver este tipo de iniciativas.