Garantir a rastrexabilidade e seguridade alimentaria na cadea de valor do mexillón certificado é o principal obxectivo do proxecto Musselbock, no que a DOP Mexillón de Galicia é protagonista.
Musselblock está coordinado desde o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e nel participan, ademais da DOP, as entidades socias Perfect Numbers, Triplo Alfa, Elixe Data e a colaboración do asociado Tastelab. É unha iniciativa financiada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da convocatoria 2022B do programa de apoio a AEIs (Agrupacións Empresariais Innovadoras).
O obxectivo xeral deste proxecto é desenvolver na cadea de valor do mexillón certificado un sistema seguro e fiable que garanta a veracidade e inalterabilidade da información asociada á rastrexabilidade e seguridade alimentaria, incluíndo a recollida automatizada datos mediante a sensorización (IoT) e aplicación de intelixencia artificial para a realización de modelos de análises preditivas.
Este plan supoñerá importantes avances sobre a mellora de procesos mediante sensorización, dixitalización, optimización de procedementos documentais e integración de toda a cadea de valor nunha solución dixital baseada en blockchain.
Ademais, mellorará a competitividade, eficiencia global e rendibilidade da cadea de valor do mexillón certificado cun modelo de análise preditiva, ofrecendo estimacións de volumes e rendementos futuros e permitindo anticipar colleitas, decisións de compra ou planificación de producións.
Para coñecer este programa desenvolverase un webinar o venres 24 a partir das 10 horas. Os interesados en participar poden inscribirse ata mañá xoves ás 16 horas a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/APb6TxsA1VCBrA1k7