É a feira de alimentación e de bebidas de calidade máis importante de Europa e unha das máis relevantes do mundo. O Salón Gourmets chega á súa 35 edición e alí estará un ano máis a DOP Mexillón de Galicia, nun evento reservado aos produtos máis selectos, innovadores e vangardistas da gastronomía mundial. A súa importancia queda reflectida nas previsións da organización, que espera que entre o vindeiro luns 25, día de comezo, e a clausura do xoves 28 pasen polo recinto madrileño de Ifema máis de 70.000 visitantes profesionais.
A actividade promocional da DOP mantén toda a súa intensidade e nesta ocasión para mostrarse e difundir os valores e calidades do mellor mexillón do mundo entre un público experto que acode a Madrid co obxectivo de coñecer alimentos caracterizados pola súa excelencia.
O expositor de Mexillón de Galicia estará no stand institucional da Consellería do Mar e nel mostraranse os distintos formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas co noso selo. Os visitantes poderán igualmente coñecer o proceso de cría do mexillón e os rigorosos controis aos que se somete e que lle fan merecedor do distintivo de calidade.
Esta cita permitirá establecer contactos cos profesionais da restauración e a hostalería dos que se poden beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas estratexias comerciais.
Nese labor promocional, as dúas degustacións que protagonizará Mexillón de Galicia adquiren unha gran relevancia. A primeira será o luns, día 25, no stand da Consellería do Mar e estará a cargo de Maica Couto e Diego Domínguez Couto.
Ao día seguinte o escenario será o stand do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. As preparacións a base de Mexillón de Galicia serán obra de Fran Soteliño.
A foto que ilustra a información corresponde á edición do ano pasado.
Mexillón de Galicia promociónase no Salón Gourmets xunto aos mellores produtos do mundo
22/04/2022