É a feira de alimentación e bebidas de calidade máis importante de Europa e unha das máis relevantes das que se celebran no mundo. O Salón Gourmets chega este ano á súa 36 edición e alí estará de novo a DOP Mexillón de Galicia, nun evento reservado aos produtos máis selectos, innovadores e vangardistas da gastronomía mundial. Da súa importancia falan as previsións da organización, que espera que entre o vindeiro luns 17, día de comezo, e a clausura do xoves 20 pasen polo recinto madrileño de Ifema máis de 100.000 visitantes profesionais, que terán ao seu alcance máis de 55.000 produtos en máis de 2.000 expositores.
A actividade promocional da DOP Mexillón de Galicia mantén toda a súa intensidade e nesta ocasión para mostrarse e difundir os valores e cualidades do mellor mexillón do mundo entre un público experto que acode a Madrid co obxectivo de coñecer os alimentos de alta gama, caracterizados pola súa excelencia.
O expositor de Mexillón de Galicia estará na caseta institucional da Consellería do Mar e nel mostraranse os diferentes formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas co noso selo. Os visitantes poderán igualmente coñecer o proceso de cría do mexillón e os rigorosos controis aos que se somete e que lle fan merecedor do distintivo de calidade.
Esta cita permitirá establecer contactos cos profesionais da restauración e a hostalería dos que se poden beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas estratexias comerciais.
Pero ademais de ver, os profesionais que acudan a este salón poderán gozar do sabor único de Mexillón de Galicia. Será na degustación do martes, día 18, da que se encargará a cociñeira Criselda Iglesias, da tapería Lecer de Cangas.