Mexillón de Galicia presenta balance dos últimos catro anos

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia vén de facer balance dos últimos catro anos, coincidindo co final do mandato do actual pleno. A evolución do período 2010-2014, a pesares do contexto de crise económica xeral e das desfavorables condicións ambientais, amosa un crecemento espectacular da DOP.

O balance do Consello Regulador analiza a evolución da implantación da DOP Mexillón de Galicia no mercado, tendo en conta o volume de mexillón certificado, o número de empresas que comercializan o produto e o lanzamento de novas marcas e envases co selo da DOP. Ademais, tamén informa da accións de control e de fomento da marca máis relevantes de cada exercicio.

No período 2010-2014, o número de empresas que están traballando con DOP Mexillón de Galicia multiplicouse por cinco, ao pasar de 6 a 31 empresas. Así, no 2010, o rexistro de empresas de depuración contaba cunha empresa certificada, e na actualidade son 12 as empresas que comercializan Mexillón de Galicia en fresco. De igual maneira, tamén se engrosou o rexistro de empresas transformadoras, que pasou de 5 a 19.

Este incremento de empresas certificadas tivo o seu reflexo no volume do Mexillón de Galicia certificado en porto, que medrou dos 8 millóns de Kg no 2010 ata os 22 millóns de Kg no ano 2012. O crecemento foi continuo ano tras ano, a excepción do 2013, período no que o sector se viu gravemente prexudicado polas desfavorables condicións climáticas e a sucesión de varios peches administrativos que paralizaron as actividades de cultivo e comercialización.

No reconto global do período analizado, a industria transformadora foi a mais participativa na comercialización de produtos con DOP. Así por exemplo, no 2013 representou o 92% do volume de mexillón certificado, fronte ao 7% do fresco. Con todo, apréciase un punto de inflexión nas cifras do mexillón certificado con destino ao mercado do fresco, que presentan unha tendencia ascendente a partir da posta en marcha no 2013 dunha campaña de promoción que xirou baixo o eslogan “Busca a orixe, atopa a calidade”, dirixida principalmente as peixerias.

En todo este tempo, a evolución positiva da DOP supuxo un aumento notable da oferta de produtos dirixidos ao consumidor final. Así, a DOP comercialízaseen máis dun centenar de presentacións diferentes de molusco, en fresco, conserva, conxelado e pasteurizado.

Con respecto ás accións de xestión da marca, o Consello centrou os seus esforzos en dous puntos fundamentais: a potenciación do selo da DOP, mediante o redeseño da marca, mais moderna e adaptada ás novas tendencias do mercado, e a protección e loita contra as irregularidades na etiquetaxe, mediante a inspección dos produtos de mexillón presentes no mercado.

Así mesmo, as actividades de control e certificación estenden o seu ámbito a toda a cadea de mexillón, dende as bateas aos centros de transformación e elaboración, con inspeccións e auditorías de calidade, e ten a particularidade exclusiva de someter a control todas e cada unha das partidas de mexillón destinadas á elaboración de produtos certificados, garantindo a calidade e orixe do produto.

Ano de cambios
O Consello Regulador renovará o seus cargos neste ano 2014, pero entre tanto, o actual pleno continúa a súa campaña para lograr unha etiquetaxe dos produtos do mexillón transparente e veraz. No marco desta iniciativa, inclúese a proposta á Comisión Europea de modificación da normativa sobre información alimentaria.

Ademais, Mexillón de Galicia continúa a traballar para aumentar o volume de produto certificado e etiquetado que chega ao consumidor, e incrementar a súa notoriedade e prestixio.