O calendario de accións promocionais de Mexillón de Galicia leva á nosa marca ata Madrid, onde participará do 23 de novembro ao 3 de decembro na Semana da Gastronomía Galega en Madrid, un proxecto promovido polo Clúster Alimentario de Galicia e a Asociación de Comerciantes “Vive Malasaña” do popular barrio madrileño. Xunto a Mexillón de Galicia, a despensa galega exhibida na capital de España estará representada por produtos cárnicos e embutidos, viños, licores, algas, queixos, lácteos e cafés, todos avalados por un recoñecido prestixio.
Con todo, será este próximo luns, día 13, cando se inicie a primeira actividade. En concreto, será un showcooking no que os tres cociñeiros galegos desprazados polo Clúster a Madrid presentarán aos seus homólogos dos restaurantes que participan nesta iniciativa os produtos que poderán preparar durante a Semana da Gastronomía Galega. A explicación irá acompañada da elaboración dalgunhas receitas.
Oliver Fernández, un dos chefs encargados desta tarefa, cociñará Mexillón de Galicia de tres formas distintas: Mexillón de Galicia ao natural; guiso de Mexillón de Galicia con fabas escabechadas; e Mexillón de Galicia en textura de vinagreta.
Posteriormente, o 23 de novembro, haberá un encontro con blogueros e prensa especializada no ámbito da gastronomía, aos que se lles presentarán os produtos e explicarán as características que, como no caso de Mexillón de Galicia, fanos únicos.
A fase culminante desta iniciativa será entre o 24 de novembro e 3 de decembro. Entre esas datas desenvolverase en Malasaña unha “Ruta de tapas” e unha “Ruta de restaurantes”, que ofrecerán tapas e menús elaborados con produtos galegos. Tamén haberá información sobre a Semana de Galicia en Madrid en, polo menos, 70 establecementos de Malasaña.
Mexillón de Galicia participa na Semana da Gastronomía Galega en Madrid
10/11/2017