“Mexillón de Galicia” opta a ser elixido mellor libro de gastronomía do mundo na modalidade de fotografía.

Esta fin de semana haberá que estar atentos á cidade de Yantai, en China. Alí se celebra mañán e pasado a Gourmand Awards Ceremony, organizada por Gourmand International. Nese escenario, “Mexillón de Galicia” optará a ser elixido mellor libro de gastronomía do mundo na modalidade de fotografía. Pase o que pase, xa é un éxito do que debemos sentirnos moi satisfeitos poder competir coas mellores publicacións do mundo.
“Mexillón de Galicia” está promovido pola DOP e ilustrado con fotografías de Xurxo Lobato. Pola súa calidade, xa foi merecedor do premio ao mellor libro de gastronomía de España na modalidade de fotografía.

“Mexillón de Galicia” é un ambicioso proxecto destinado a dar a coñecer en Galicia, España e o mundo (os seus textos están en galego, castelán e inglés) unha marca que representa garantía de calidade e orixe para o consumidor. A obra, presentada en decembro de 2015, reflicte o quefacer dunha industria historicamente ligada a Galicia da que forman parte produtores, depuradores, transformadores, conserveiros e distribuidores. Todos eles foron capaces de colocar á nosa comunidade autónoma á vangarda mundial en termos de volume pero, sobre todo, no que afecta á calidade deste bivalvo, que se converteu no primeiro produto de mar que está amparado pola garantía dun selo de calidade de orixe: a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.

O fotógrafo Xurxo Lobato foi o encargado de dar visibilidade a través das súas instantáneas aos protagonistas da conversión deste sector no que é hoxe un día: unha industria capaz de xerar valor. Eses protagonistas son homes e mulleres que a través das páxinas deste libro cóntannos como se forxa unha identidade e configúrase unha forma de ser.