“Mexillón de Galicia con salsa mariñeira picante” e “Mexillón de Galicia con vinagreta cítrica” foron as dúas propostas elaboradas polo cociñeiro Miguel Mosteiro para a primeira xornada da campaña de promoción que a DOP Mexillón de Galicia iniciou hoxe no mercado vigués de Teis para impulsar o coñecemento e recoñecemento do noso selo de calidade entre os consumidores e que terá continuidade en próximas semanas nas prazas de distintas cidades de Galicia.
O acto contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, da tenente de alcalde do Concello de Vigo, Elena Espinosa, do xerente da asociación de comerciantes do mercado de Teis, Roberto Giráldez, e do secretario xeral do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Joaquín Garrido.
Garrido agradeceu á Consellería o seu apoio para esta iniciativa e significou a oportunidade de realizala nos mercados de abastos por ser un lugar de compra, pero tamén de encontro, un espazo de proximidade no que a relación entre vendedor e cliente adquire un carácter case familiar e tamén directo, sen intermediarios. Esa comunicación cara a cara favorece a transmisión da mensaxe que se quere trasladar sobre as bondades do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia. Un alimento cento por cento galego e da máxima calidade, como así o avala o noso selo.
As degustacións que se ofrecen hoxe e tamén mañá sábado permitirán ademais coñecer o seu riquísimo sabor e enorme versatilidade na cociña. Esta versatilidade foi destacada polo cociñeiro Miguel Mosteiro, quen chamou a atención tamén sobre as cualidades nutricionais de Mexillón de Galicia.
Elena Espinosa destacou a enorme relevancia para Galicia de contar cunha marca de calidade diferenciada como Mexillón de Galicia, que é preciso que coñeza o maior número de consumidores para, dese modo, contribuír a poñer en valor o traballo dos homes e mulleres do sector, unha tarefa que, ao seu xuízo, tamén repercutiría de maneira moi positiva en ámbitos como a gastronomía e o turismo.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lembrou que Mexillón de Galicia é a primeira DOP dun produto do mar e reiterou o seu apoio ao Consello Regulador en iniciativas como a que hoxe iniciouse en Vigo que permiten aos consumidores ter información do que hai detrás dun selo de calidade. Nese sentido subliñou que Mexillón de Galicia non sempre está ao dispor do público. “Só cando alcanza as condicións de calidade adecuadas pode levar o selo da DOP”.
Pola súa banda, Roberto Giráldez expresou a súa satisfacción por acoller esta campaña que serve para exaltar os mercados e os produtos de calidade que neles pódense atopar, “como no día de hoxe Mexillón de Galicia”.