O incremento das taxas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica cobra ás empresas pola ocupación do dominio marítimo-terrestre causou a desaprobación do sector. As cantidades que esas empresas deben abonar polas tubaxes encargadas da captación de auga e outras instalacións situadas no dominio público chegaron a multiplicarse por dez, segundo algunhas informacións.
O Consello Regulador do Mexillón de Galicia expresa a súa preocupación por esta nova medida adoptada por Transición Ecolóxica polas negativas consecuencias económicas que conleva para as industrias. Unha máis que se engade a outras iniciativas recentes (o proxecto de modificación do regulamento da Lei de Costas, a lei do cambio climático…) que sementaron a inquietude entre un sector básico en Galicia pola incerteza xerada para o seu desenvolvemento futuro.
Á vista dos feitos, dá a sensación de que a enorme relevancia social e económica do binomio mar-industria de Galicia non é percibida en toda a súa integridade no devandito ministerio. Non parece que haxa moitas dúbidas acerca da relevancia de Galicia como verdadeira potencia mundial no sector do mar. Dando por feito que iso é así, faise máis difícil comprender que nos últimos tempos asistamos a episodios que non achegan as certezas e a seguridade que deben apoiar calquera proxecto de futuro, máis aínda cando é vertebrador dunha actividade socioeconómica fortemente arraigada no noso litoral.
Apelamos por tanto ao diálogo permanente e á colaboración mutua. Esa confluencia é a alternativa que nos levará ao éxito, un éxito que será de todos e en beneficio de todos.