Conxemar é desde hai anos nunha cita de referencia no calendario para o sector do mar, un evento que converte de novo a Vigo, desde mañá e ata o xoves, en centro de atención para maioristas, importadores, exportadores, transformadores, fabricantes e distribuidores chegados desde distintos puntos do planeta.
Un ano máis, a DOP Mexillón de Galicia contará cun expositor no recinto de Cotogrande onde se mostrará a unha audiencia profesional e internacional a ampla relación de marcas amparadas polo noso selo de calidade, así como os seus distintos formatos comerciais.
Conxemar ofrece tamén a oportunidade de divulgar os atributos que fixeron de Mexillón de Galicia un selo de referencia no mercado, que garante a orixe galega do mexillón e unha calidade superior, rasgos que lle confiren un valor engadido aos que o consumidor non quere renunciar e tampouco as empresas que comercializan mexillón co noso distintivo.
Establecer contactos con compañías interesadas na comercialización ou distribución de Mexillón de Galicia coas que as empresas certificadas pola DOP poidan establecer acordos comerciais, é outro dos obxectivos das accións que levarán a cabo durante o desenvolvemento da feira.