Mexillón de Galicia estará no Salón de Gourmets, o escaparate da excelencia

O Salón de Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, comeza o vindeiro luns, 24 de abril, en Madrid. Trátase do principal evento europeo dedicado aos produtos máis selectos, innovadores e vangardistas da gastronomía mundial. O mellor do mellor no referente a alimentación e bebidas ten unha cita ineludible no recinto feiral de IFEMA ata o xoves, 27, día do peche do salón.

Mexillón de Galicia, a marca que identifica ao mellor mexillón que se produce no mundo, estará de novo presente neste escaparate mundial, polo que está previsto que pasen 85.000 visitantes e que contará coa presenza de 30 países. Toda unha oportunidade para difundir as cualidades que fan único a Mexillón de Galicia entre un público profesional que acode a Madrid co claro obxectivo de acceder a produtos caracterizados pola súa excelencia.

No expositor que ocupará a DOP mostraranse os distintos formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas co noso selo. Ademais, poñerase a disposición dos visitantes abundante documentación sobre o proceso de cría do mexillón, así como os rigorosos controis que se levan a cabo para facelo merecedor do distintivo de calidade.

Coa súa presenza neste evento, o Consello Regulador afonda na súa tarefa de informar e difundir as características e atributos de Mexillón de Galicia. Ademais, o Salón de Gourmets constitúe un escenario privilexiado para establecer contactos comerciais cos profesionais dos sectores da restauración ou a hostalería dos que se poidan beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas respectivas estratexias comerciais.

Todo este labor informativo terá a súa prolongación máis alá do expositor, concretamente co programa de catas e degustacións que permitirán aos asistentes a estas sesións gozar do sabor e textura inigualables de Mexillón de Galicia, coñecer as súas cualidades nutricionais e descubrir a súa enorme versatilidade na cociña.

O martes 25 será a primeira destas catas, dirixida polo cociñeiro Alvaro Villasante, que presentará diversas propostas elaboradas con Mexillón de Galicia en conserva.

O mércores, a DOP volverá a ter protagonismo da man da cociñeira Emma Pinal, que dirixirá a sesión “Namórate dun galego”. Garantía de orixe e calidade DOP Mexillón de Galicia.