Mexillón de Galicia entrega a Costas Kadis un documento con propostas claves para o futuro do sector

O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia trasladou esta tarde ao Comisario de Pesca e Océanos da Unión Europea, Costas Kadis, unha carta na que se recollen unha serie de reivindicacións “de gran relevancia” para a sostibilidade, competitividade e futuro do sector no marco das políticas comunitarias pesqueiras e ambientais.

A misiva foille entregada en man polo presidente de Amegrove e membro do Pleno do Consello Regulador Esteban Fernández durante a visita que Kadis realiza a Galicia.

O texto, asinado polo secretario xeral do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia Joaquín Garrido, incide en tres puntos fundamentais: servizos ecosistémicos, augas e mercados.

Sobre o primeiro, solicítase á Comisión Europea que recoñeza e protexa as áreas de cultivo do mexillón como acui-ecosistemas de produción de alimentos naturais e que recoñeza os servizos ecosistémicos que brindan as actividades de cultivo de bivalvos e estableza un sistema de compensación por eses servizos que axudarían ao sector para facer fronte a situacións de crises, tanto naturais como as debidas a episodios de contaminación, e contribuirían a establecer estratexias de adaptación ao cambio climático.

Igualmente, solicítase emitir unha recomendación que anime aos Estados membros a garantir os dereitos dos mitilicultores mediante concesións estables a longo prazo con mecanismos de renovación que favorezan aos que viñeron realizando a actividade por xeracións.

O segundo punto, centrado nas augas, iníciase cun recordatorio sobre a necesidade de dispoñer dun medio ambiente de calidade para desenvolver unha produción sostible de moluscos bivalvos. “Por iso solicitamos que se reforce o control do cumprimento das obrigacións do correcto funcionamento dos sistemas de tratamento de augas residuais urbanas e industriais”.

Ademais, pídese a adopción dunha Directiva específica sobre a calidade das augas para a cría de moluscos, que estableza os obxectivos e indicadores ambientais específicos para esta actividade, así como medidas de loita contra a contaminación por fitosanitarios e outros contaminantes que poidan afectar á calidade das augas declaradas para a cría de moluscos.

Respecto a os mercados, a carta lembra que para que a UE alcance a soberanía alimentaria de produtos do mar son necesarias unhas “verdadeiras condicións de competencia leal nos mercados e garántase que o consumidor accede a información veraz e detallada sobre estes produtos sen importar a súa presentación comercial”.

Sinala que os acordos comerciais con terceiros países deberían ter en consideración aos sectores da produción de alimentos do mar da UE “para que non se repitan situacións como a desaparición de sectores propios da produción de moluscos en Europa por competencia a tipo arancelario cero”. Nese sentido, Mexillón de Galicia considera que a DG Mare debería promover e axudar ás entidades que xestionan os selos de calidade vinculada á orixe e que protexen aos alimentos do mar que ostentan estes distintivos, “como é o caso da DOP Mexillón de Galicia como elementos dinamizadores das economías locais a nivel europeo fronte a posibles produtos sustitutivos orixinarios de terceiros países”.

Outras medidas para tomar serían a indicación de orixe e especie nos produtos transformados e elaborados, ou o establecemento como criterio de contratación pública recoñecendo a aqueles produtos amparados por indicacións de calidade-orixe.