Mexillón de Galicia entra nas aulas para conquistar ao consumidor do futuro

Mexillón de Galicia dá un paso máis na súa estratexia de promoción e entra directamente nas aulas para conectar co consumidor do futuro. A Denominación de Orixe Protexida (DOP) poñerá en marcha un programa en centros educativos de toda Galicia co obxectivo de fomentar hábitos de alimentación saudables e achegar aos escolares a realidade dun dos sectores crave da economía galega.

A iniciativa arrinca mañá ás 13 horas no colexio A Milagrosa de Santiago de Compostela, cun menú de Fideos con Mexillón de Galicia, e continuará ao día seguinte no CEIP Vicente Otero Valcárcel, en Carral, con Tostas mariñeiras de Mexillón de Galicia. Comeza así un calendario de accións que se estenderá por distintos puntos da comunidade durante este ano 2026.

Charlas dinámicas, menús escolares elaborados con Mexillón de Galicia e actividades participativas como concursos e sorteos forman parte dun programa deseñado para captar a atención dos máis novos e poñer en valor un produto recoñecido polas súas excelentes calidades nutricionais.

Máis aló da vertente alimentaria, a acción busca tamén trasladar ao alumnado a importancia social e económica do sector mexilloeiro en Galicia, líder europeo en produción, e reforzar o vínculo entre produto, territorio e calidade diferenciada.

Con esta iniciativa, a DOP non só aposta pola educación alimentaria desde idades temperás, senón que consolida o seu posicionamento como referente de calidade e orixe ante unha nova xeración de consumidores cada vez máis consciente do que come.

Estas accións desenvólvense no marco do convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e o Consello Regulador de Mexillón de Galicia.