O Salón de Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, comeza o vindeiro luns, 7 de maio, en Madrid. Trátase do principal evento europeo dedicado aos produtos máis selectos, innovadores e vangardistas da gastronomía mundial, un espazo no que produtores, profesionais e consumidores teñen a oportunidade de facer negocio e coñecer o máis novo do sector.
Mexillón de Galicia estará de novo presente neste escaparate mundial, polo que está previsto que pasen ata que se clausure o día 10 máis de 90.000 visitantes. A relevancia desta cita queda ben reflectida nas cifras que manexa: 30 países asistentes e 1.600 expositores onde se exhibirán 40.000 produtos, 1.300 dos cales serán novos.
Trátase por tanto dun lugar idóneo no que difundir as cualidades de Mexillón de Galicia entre un público profesional que acode a Madrid co claro obxectivo de acceder a produtos caracterizados pola súa excelencia.
No expositor que ocupará a DOP, situado no stand institucional da Consellería do Mar (pabillón 6), mostraranse os distintos formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas co noso selo. Ademais, poñerase a disposición dos visitantes abundante documentación sobre o proceso de cría do mexillón, así como os rigorosos controis que levan a cabo para facelo merecedor do distintivo de calidade.
O Salón de Gourmets é igualmente un escenario privilexiado para establecer contactos comerciais cos profesionais dos sectores da restauración e a hostalería dos que se poden beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas estratexias comerciais.
Durante os catro días do salón tamén haberá tempo para gozar do sabor que só pode ofrecer Mexillón de Galicia, coñecer as súas cualidades nutricionais e descubrir a súa gran versatilidade na cociña. Será o mércores, día 9, no curso da degustación “Mexillón de Galicia: Namórate dun galego” que dirixirá a cociñeira Ana Portals. Portals elaborará un menú integrado por “Sopiña de fiuncho con Mexillón de Galicia” e “Ensalada de Mexillón de Galicia e faba de Lourenzá”. A sobremesa será “Queixo tetilla, mazá asada e froitos secos”.