Mexillón de Galicia colabora nun proxecto didáctico sobre acuicultura

O CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, especializado en formación en hostalería, e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa, dedicado á formación en acuicutura, van elaborar de forma conxunta durante o curso académico un manual didáctico sobre o sector acuícola en Galicia. No proxecto participa o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, ademais de asociacións de produtores e empresas.

O proxecto, denominado “Os produtos da acuicultura de Galicia, ciencia e gastronomía”, ten por obxectivo a creación de material didáctico para as ensinanzas das familias profesionais de hostalería, turismo e martítimo pesqueira, e para as materias de bioloxía e coñecemento do medio dos institutos de secundaria.

Está previsto que participen no proceso de investigación e desenvolvemento do proxecto uns 80 alumnos e 20 profesores dos dous centros educativos implicados. Pola súa parte, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia colaborará no deseño e na revision dos contidos, así como na súa difusión.

O resultado será un manual impreso que describira a diversidade de especies da acuicultura galega, a análise morfolóxica e organoléptica de cada unha delas, o seu valor nutricional, sistemas de cultivo e a aplicación culinaria máis axeitada. Tamén se elaborarán vídeo-presentacións dirixidas aos alumnos.

O proxecto, que conta co financiamento da Consellería de Educación, vaise executar durante o primeiro trimestre do curso académico.

Fotografía: Reunión en Pontevedra, o 10 de setembro, dos representantes de centros e entidades participantes no proxecto didáctico. De esquerda a dereita, Ricardo Fernández Guerra, do Carlos Oroza, José Luis Rodríguez, do Igafa, Manuel Hermo, director do Carlos Oroza, Luz Arregui, de Atrugal, Gabriela André, do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Manuela Buján, de Portomuíños e Fernando Otero, de Aroga