Mexillón de Galicia certificou en 2021 máis de 45 millóns de quilos

A DOP Mexillón de Galicia pechou o ano 2021 cun total de 45.328.664 quilos de produto certificado, o que supón un 8,34% menos que en 2020.
O mexillón destinado ao mercado de fresco alcanzou os 3.549.745 quilos, o que representa un aumento do 2,78% respecto ao exercicio precedente. Pola súa banda, o dirixido á industria situouse nos 41.778.919 (un 9,37% menos).
Ademais do incremento experimentado no mercado de fresco, constátase tamén a mellora experimentada polo rendemento en carne. En 2021 o rendemento do mexillón destinado a fresco alcanzou o 20% (un 1% máis que en 2020), porcentaxe que se elevou ata o 22% no da industria (un 3% máis).

Controis
Durante o ano 2021 realizáronse un total de 12.068 controis, dos que 4.314 foron de calidade DOP (3.441 de mexillón destinado á industria e 873 ao mercado de fresco). Estes números equivalen á realización dunha media de 33 controis ao día durante todo o ano, dos que 12 se corresponden con controis de calidade nos que se verifica o cumprimento dos requisitos da DOP.
O respaldo dunha entidade de certificación como Bureau Veritas confire ao control realizado por Mexillón de Galicia credibilidade e confianza en todo este proceso, acreditando a independencia e imparcialidade da tarefa realizada. Durante o pasado ano, Bureau Veritas realizou 112 inspeccións a operadores usuarios de marca DOP Mexillón de Galicia: 35 auditorías en centros de depuración/expedición e 77 en empresas de transformación.

Crecen os rexistros de empresas e marcas
O ano 2021 concluíu cun total de 120 empresas e marcas autorizadas para comercializar os seus produtos ao amparo da Denominación de Orixe Protexida, cinco máis que no exercicio precedente.
Esa relación está integrada por 17 centros de depuración e 35 de transformación. Ademais, contabilízanse 68 referencias pertencentes ao directorio de marcas. Este rexistro responde á demanda daquelas empresas alimentarias que non son elaboradoras, pero que queren comercializar os seus produtos co selo da Denominación de Orixe, de maneira que encargan a empresas certificadas polo Consello Regulador a súa elaboración. É un instrumento de control necesario para acreditar a titularidade das marcas e para autorizar o seu uso baixo o amparo da DOP.
Outro apartado que tamén crece é o do rexistro de bateas certificadas pola DOP, que se sitúa nas 2.107 (dúas máis), unha cifra que equivale ao 62,22% do total de bateas de Galicia.