Mexillón de Galicia asegura que as restriccións no acceso á mexilla condicionan gravemente a viabilidade do sector

A mexilla é un insumo estratéxico para o cultivo do mexillón, que precisa manter o dereito de acceso á mesma. A estabilidade do cultivo pódese ver gravemente condicionada se queda interrompida a recollida da cría, o que afectaría a todo o sector e á viabilidade da DOP Mexillón de Galicia. Hai que subliñar que este carácter estratéxico está plenamente amparado pola Lei, que outorga aos produtores o dereito de aceso ao recurso.

Polo tanto, restrinxir e conceder ás confrarías a exclusividade de zonas de semente de mexillón supón o xaque mate para o noso sector, poñendo en risco máis de 20.000 empregos directos e indirectos e afectando a un conglomerado de empresas de diversas actividades que actualmente son o sustento económico-social  ao longo de toda a costa onde a actividade mexilloeira ten relevante presenza.

O Consello Regulador entende que tanto percebeiros como mitilicultores teñen dereito a vivir dignamente do seu traballo, en harmonía e sen interferencias como viñeron facendo dende hai anos. A extracción de mexilla pódese considerar unha práctica histórica dende mediados do século pasado, cando a explotación comercial de outros recursos do mar non se practicaba ou carecía de tradición. En todo caso, os produtores de mexillón veñen realizando a recolección de mexilla en convivencia plena e harmonía total co resto de actividades, con absoluto respecto do entorno e sen afección a outras especies como pode ser o percebe.

De feito, non existe documentación que indique que a recolección de mexilla nos bancos naturais repercuta na fixación do percebe. Polo contrario, a Consellería do Mar dispón de documentación científica dos seus servizos técnicos na que se constata que os problemas da poboación do percebe derivan directamente da mala xestión da propia pesquería, con especial relevancia da actividade dos percebeiros furtivos. E, en senso inverso, unha xestión máis axeitada da especie permitiría unha mellora do stock, da recolección do recurso e do nivel de vida dos profesionais.

Esta situación ten a súa orixe nas promesas da Consellería ás confrarías, contrarias ao dereito que a lei outorga aos produtores de mexillón. Xurde concretamente dunha norma administrativa de Mar na que se incluía a proposta de facilitar ás confrarías reserva de zonas para a extracción de semente, o que levou a algunha delas a considerar e pretender a exclusividade no acceso á mexilla, orixinando a alteración da convivencia e a compatibilidade de ambas actividades. Todo isto foi xerando un contexto social que non se veu axudado precisamente polas recentes declaracións desafortunadas dalgún patrón de longa traxectoria histórica chamando á violencia, coas que evidentemente discrepamos.

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia non comparte a posición da Consellería do Mar de establecer zonas de exclusión. O seu Presidente, Francisco Alcalde, considera que “da perda de cada centímetro de costa e da actual situación é responsable a Consellería pola súa pasividade. A súa inactividade e falta de acción está xerando enfrontamento entre os sectores do mar de Galicia, que cando están unidos amosan a súa fortaleza para paralizar unha lei de acuicultura perniciosa para Galicia ou o proxecto da mina de Touro”.

No fondo do tema subxace o feito da tutela que a Consellería do Mar exerce sobre as confrarías que -salvo excepcións- manteñen a súa orientación social, non sendo quen de integralas no marco normativo da política común de pesca, nin de modernizar as súas funcións coa incorporación de actividades mercantís ou comerciais para a mellor defensa dos seus respectivos produtos e o incremento dos ingresos e calidade de vida dos seus asociados/as.

O que ten que facer a Administración é fortalecer aos sectores primarios como base dunha cadea de subministro sólida e con capacidade para conseguir unha maior valorización dos produtos nos mercados.