75 anos de historia contemplan ao noso sector. 75 anos que contribuíron a situar a España no mapa mundial da acuicultura.
O noso cultivo realizouse sempre da forma máis natural posible cun animal propio das nosas rías que está perfectamente adaptado a esta privilexiada contorna. Un cultivo que é exemplo de circularidade, atributo que se pon de manifesto ano tras ano cando das bateas flúen as sementes de mexillón que posteriormente os bateeiros recollen nas rochas para retornalas a esas mesmas bateas para o seu adecuado crecemento e engorde. Ese círculo da vida non parou de virar ano tras ano xerando riqueza e emprego na nosa comunidade.
Asistimos sorprendidos á toma de decisións que impiden aos bateeiros acceder aos bancos do litoral nos que sempre se lles permitiu extraer a mexilla coa que abastecer as cordas das súas bateas e contemplamos con angustia como penetramos nunha sorte de tormenta perfecta que se incrementa por momentos e, o que é peor, sen visos dunha remisión próxima.
Por iso é polo que desde a DOP Mexillón de Galicia volvemos manifestar a nosa preocupación por este escenario ao que nos abocaron, á vez que reiteramos o noso apoio alto e claro ás reivindicacións do sector produtor. Un respaldo inequívoco que mantivemos desde que aflorou este problema e que non tivemos reparos en manifestalo publicamente.
As incertezas que nestes momentos rodean ao noso sector resulta imperativo resolvelas de maneira pronta e xusta. Non podemos seguir así durante máis tempo porque o dano que están a causar non fará máis que acentuarse. Alguén atisba un horizonte esperanzador se non se poden abastecer as bateas de mexilla? Que colleita podemos esperar en 2024? Que respostas ofrecemos a unha industria carente da materia prima que necesita? E ao resto da cadea de valor que xera o noso sector? Avaliáronse con rigor os riscos que conleva unha decisión que ameaza o mantemento de miles de postos de traballo? Son preguntas que máis dun debería facerse todos os días.
Temos sobre a mesa un problema que, se non somos capaces de solucionar definitivamente entre todos, levaranos a unha deriva preocupante e nada desexable.
Hai un dito popular que hoxe se fai máis necesario que nunca: “A unión fai a forza”. A fortaleza dun colectivo fundaméntase, entre outros valores, na unión e cohesión dos seus integrantes. E aquí todo o mundo debe ter claro que as nosas bateas necesitan semente. Sen máis.
O noso sector, tanto os produtores, como as empresas que basean parte do seu negocio no Mexillón de Galicia, só está a pedir poder seguir producindo mexillón coa seguridade de que terá dispoñibilidade do produto. E para iso debe garantirse o acceso á semente, debido a que é o principio e o fin de noso circulo vital.
Non hai solucións fáciles, pero a unión e cohesión do sector debe xerar a fortaleza necesaria para conseguir unha solución digna para a semente.
Consello Regulador do Mexillón de Galicia