Mexillón de Galicia acode ao Salón de Gourmets, o escaparate dos mellores produtos do mundo

O Salón de Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, comeza o vindeiro luns, 8 de abril, en Madrid. Trátase do principal evento europeo dedicado aos produtos máis selectos, innovadores e vangardistas da gastronomía mundial.

Mexillón de Galicia estará novamente neste escaparate mundial, polo que pasaron en 2018 máis de 90.000 visitantes. A relevancia desta cita queda reflectida nas cifras que manexa esta edición do Salón de Gourmets: 25 países asistentes e 1.600 expositores. En consecuencia, é un lugar idóneo no que difundir as cualidades de Mexillón de Galicia entre un público profesional que acode a Madrid co claro obxectivo de acceder a produtos caracterizados pola súa excelencia.

No expositor que ocupará a DOP, situado no stand institucional da Consellería do Mar, mostraranse os distintos formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas co noso selo. Os visitantes dispoñerán tamén de documentación sobre o proceso de cría do mexillón, así como os rigorosos controis que levan a cabo para facelo merecedor do distintivo de calidade.

Esta cita é igualmente un escenario privilexiado para establecer contactos cos profesionais da restauración e a hostalería dos que se poden beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas estratexias comerciais. Durante os catro días do salón tamén haberá tempo para gozar do sabor que só pode ofrecer Mexillón de Galicia, coñecer as súas calidades nutricionais e descubrir a súa gran versatilidade na cociña. Será o martes, día 9, na degustación “Mexillón de Galicia: Namórate dun galego” que dirixirá o cociñeiro Rubén González.