O Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, comeza o vindeiro luns, día 18, en Madrid. Volve, tras un ano sen poder celebrarse pola pandemia, o principal evento europeo dedicado aos produtos máis selectos, innovadores e vangardistas da gastronomía mundial.
Mexillón de Galicia estará novamente neste escaparate mundial, o lugar idóneo no que difundir as cualidades de Mexillón de Galicia entre un público profesional que acode a Madrid co claro obxectivo de coñecer produtos caracterizados pola súa excelencia.
No expositor que ocupará a DOP, situado na caseta institucional da Consellería do Mar, mostraranse os distintos formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas co noso selo. Os visitantes dispoñerán tamén de documentación sobre o proceso de cría do mexillón, así como os rigorosos controis que levan a cabo para facelo merecedor do distintivo de calidade.
Esta cita é igualmente un escenario privilexiado para establecer contactos cos profesionais da restauración e a hostalería dos que se poden beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas estratexias comerciais.
Durante os catro días do salón tamén haberá tempo para gozar do sabor que só pode ofrecer Mexillón de Galicia, coñecer as súas cualidades nutricionais e descubrir a súa gran versatilidade na cociña.
Será a través das dúas degustacións previstas. A primeira, o martes día 19, entre as 12 e as 13 horas na caseta da Consellería do Mar (Pavillón 6, F10-8) e estará a cargo de Emma Pinal, que elaborará un menú integrado por “Mexillón de Galicia en escabeche agridoce”, “Ravioli de Mexillón de Galicia en caldo de Lacón Gallego” e “Torta de Santiago con mousse do Cebreiro”. Todo acompañado de viño da Ribeira Sacra.
Ao día seguinte Miguel Mosteiro, entre as 14 e as 14,30 horas, preparará tres propostas ben suxestivas: “Mexillón de Galicia en vinagreta cítrica”, “Empanada aberta de Mexillón de Galicia e maionesa de pementos de Herbón” e “Mexillón de Galicia en guiso de callos”. Será no Espazo Gastronómico Universo Alimentos de España do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Pavillón 8, AO1).
A foto é da edición de 2019.
Mexillón de Galicia acode ao Salón Gourmets, o escaparate dos mellores produtos do mundo
15/10/2021