Mexillón de Galicia acode a Xantar 2016

A DOP Mexillón de Galicia acudirá un ano máis á 17º edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense (recinto feiral Expourense) desde hoxe e ata o domingo.

Xantar contou na edición de 2015 coa presenza de 184 expositores e foi visitada por máis de 22.000 persoas. Nun escenario desta relevancia, Mexillón de Galicia deixará o sinal da súa inigualable calidade nunha degustación que se celebrará o sábado, día 6, entre as 13 e 14 horas, titulada “Mexillón de Galicia, garantía de calidade e orixe”, que incluirá diversas propostas elaboradas por Enma Pinal, cociñeira do gastrobar O Birrán de Ribadavia.

Para a ocasión, Pinal ofrecerá “Mexillón de Galicia con cubos de Queixo do Cebreiro” e “Pote mar e monte con Mexillón de Galicia, fabas de Lourenzá e patacas de Galicia”.

A degustación contará ademais coas achegas de Gabriela André, responsable de Márketing da DOP Mexillón de Galicia, que será a encargada de explicar aos asistentes as particularidades que fan de Mexillón de Galicia o mellor mexillón do mundo.

Os interesados en participar nesta xornada deberán realizar unha reserva a través do correo ana@escenoset.com ou chamando ao teléfono 698128532.